Iria Aboi informou que a maioría do estudantado da Mariña xa votou a favor da folga ao longo da semana pasada, e nese sentido recordou, que os estudantes como centros do IES de Foz, do IES Marques de Sargadelos, ou do Monte Castelo de Burela xa votaron a folga e que agardan que o día 21 a totalidade do ensino secundario pare na Comarca. “As previsións que manexamos hoxe en relación coa Mariña e que o paro do 21 vai ser masivo no ensino secundario, mesmamente nos próximos días os centros que faltan van aprobar en asembleas a folga. Neste sentido as asembleas de hoxe serviron para debater de primeira mao a situación, e neste sentido, queremos facer un chamamento ao estudantado da comarca que se sume a folga do 21” recalcou Iria Aboi.
A Portavoz da sección estudantil da plataforma Queremos Galego quixo animar aos mozos e mozas da Mariña que ademais de apoiar a folga do dia 21 acudan a manifestación a Compostela e lembrou que sairán autobuses das localidades da Comarca, abondando para anotarse con chamar aos Tlf.982-12-95-93 e 649-63-19-03. “ A dia de hoxe xa comprometeron a súa asistencia a manifestación de Compostela máis de 15.000 mozos galegos, tendo comprometido a súa participación case 100 rapaces da Mariña. Agardamos que ao longo desta semana se apunten outros tantos porque estamos convencidos do éxito e do carácter histórico desta mobilización” destacou Aboi que advertiu “que a loita contra o decreto só vai rematar cando a Xunta de Galiza proceda a súa retirada, porque este non é un debate sobre porcentaxes, aquí discútese se o galego ten dereitos ou non, en definitiva temos enfronte un goberno que quere acabar co galego”.
Alberto Núñez Feijóo bautizou o disparate como “decreto do plurilingüismo”, cando a realidade é que con esta proposta non se poden mellorar as competencias comunicativas de ningún dos tres idiomas indicados.A propaganda sobre a aprendizaxe do inglés é unha burla tremenda, porque se vende un suposto “trilingüismo” que, á marxe doutras consideracións, é imposíbel de aplicar en case toda Galiza. Así o recoñece a disposición transitoria primeira deste decreto. Coas falacias sobre o inglés o que tentan é confundir á opinión pública e camuflar esta navallada contra o idioma de Galiza.No caso do castelán e do galego, é obriga do Goberno garantir que os estudantes finalicen cada etapa educativa con competencias nas dúas linguas oficiais. No entanto, iso non se está a conseguir para o idioma propio, tal e como o corroboran estudos e informes realizados que sinalan que un 20% dos rapaces e rapazas entre 14 e 19 anos son analfabetos funcionais en galego.
A Portavoz da sección estudantil de “Queremos Galego” fixo fincapé “na difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto. A ese estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados até o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura”. Iria Aboi chamou “a transformar en enerxía a prol da defensa do noso idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, a gran preocupación que a actual política lingüística do goberno galego ten creado en amplos sectores da sociedade. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua”.