Site icon Crónica3.com A Mariña

PSOE e PP de Foz privatizan o servizo de axuda no fogar a dependentes coa oposición do BNG

Nota de Prensa

PSOE E PP PRIVATIZAN O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR COS VOTOS EN CONTRA DO BNG

Basanta afirma que “o alcalde mostrou a súa cara máis antidemócrata ao non querer dar explicacións diante do pleno do cese de Cancio nin deixar aos grupos da oposición presentar mocións de urxencia”

Foz, 29 de Xaneiro de 2010.- No pleno celebrado onte, o BNG votou en contra da proposta da alcaldía para privatizar o servizo de axuda no fogar a dependentes que finalmente aprobouse cos votos do PP e do PSOE. O BNG critica en primeiro lugar que este servizo estivera funcionando de forma irregular, como detectou unha inspección da Consellaría de Traballo e Benestar no mes de novembro, deixando ás persoas dependentes sen este servizo e saltando a lei. Pero o BNG entende que todas estas irregularidades manifestas –imputables ao propio grupo de goberno e particularmente á delegación de servizos sociais- non xustifica de ningunha maneira a privatización do servizo que se realizou. Privatizando o servizo o que se consigue é máis precariedade laboral para as traballadoras domiciliarias e un peor servizo, debido principalmente a que o que busca a empresa privada é rentabilizalo e obter o máximo beneficio, é dicir, facer negocio. Realmente, esta decisión de privatizar este servizo social público pon de manifesto a incapacidade do actual grupo de goberno para xestionalo, buscando a saída máis fácil e evidenciando a súa falta de principios ideolóxicos.

Onte no pleno da Corporación de Foz, o alcalde negouse a dar explicacións sobre o cese fulminante do seu tenente alcalde no mes pasado. O BNG pediulle explicacións a raíz dunhas declaracións aos medios nas que o alcalde falaba –en palabras textuais- de “o que non se pode facer é practicar cousas raras, estranas, no noso partido e persoas que se dedican ao seu mundo empresarial” e “que o meu deber é velar pola honorabilidade do Concello”. Pois ben, a todas estas dúbidas o alcalde deu calada por resposta, escudándose en que por ser alcalde pode cesar a quen quere e sen atender a máis razoamentos. Con esta actitude, o alcalde mostrou onte a súa cara máis antidemócrata e de desprezo institucional diante do máximo órgano de representación do Concello, que é o Pleno Municipal.

Saíron aprobadas a moción do BNG apoiando a fusión das caixas galegas, coa abstención do PSOE e a moción contra o decreto do galego no ensino.

O BNG ten que criticar unha vez máis o carácter antidemocrático do alcalde ao non deixar presentar mocións de urxencia aos grupos da oposición. En concreto non deixou introducir neste punto a creación dunha fototeca no Concello e a elaboración de informes xurídicos e técnicos sobre a viabilidade do PXOM.

Exit mobile version