Nota de Prensa
Propostas do BNG de Xove para o Orzamento 2010
Na súa teima de aprobar un presuposto continuista e con falta de ambición, o grupo de goberno do PP só tivo a ben incluír no Orzamento para o ano 2010 a consecución do abastecemento de augas das parroquias proposto polo grupo municipal do BNG. O resto dos grupos políticos representados na Cámara Municipal (AVEXO e PSdeG) non fixeron proposta ningunha, só se dedicaron a criticar o Orzamento do PP e a escoitar con respecto as propostas formuladas polo Bloque Nacionalista Galego.
Ademais do abastecemento de augas, o grupo municipal do BNG expuxo para a súa aceptación a necesidade de iniciar o saneamento integral das parroquias de Lago, Morás, Portocelo, Xuances e Monte; e mais a construción dunha nova depuradora en Sumoas. Esta proposta considerouse prioritaria polo BNG, pero non acadou o debido recoñecemento polo executivo do Partido Popular.
Tamén se solicitou:
-A aplicación da rede de Internet Wimax en todo o municipio co obxecto de dinamizar as novas tecnoloxías.
-A mellora das comunicacións coa Rigueira e Monte por Regosangüento e Veiga, e de Morás e Portocelo con un novo trazado de ligazón coa vía de alta capacidade.
-A ampliación do Polígono Industrial de Camba.
-O proxecto de adecentamento das entradas de Xove cara a Viveiro e Burela, xa que a imaxe de benvida e despedida ao Concello é penosa.
-A urbanización integrada e tradicional dos diferentes núcleos orixinarios de asentamento poboacional no noso Concello como Pumariño, Alto de Lago ou Agramonte, entre outros.
-A construción do Pantalán de Morás.
“Se non fora polo Plan E, que nos queda?”, preguntouse o responsábel do BNG en Xove, “a vergonza de ser un Concello rico e que nos veñan facer as obras de fóra?”. Segundo Marco López este Orzamento non recolle máis que recebados e reconstrución de muros, pero nin sequera aparece por ningures unha obra de envergadura “tal e como nos tiñan afeitos outros gobernos anteriores”. López quixo lembrar que “don Xesús, o anterior rexedor, tería moito xenio, non digo que non, pero haille que recoñecer que non agardaba por ninguén para tirar por Xove”.