O VICEDO .- Portos de Galicia anuncia que rematará nun mes as obras de mellora e colocación de novas defensas dos peiraos do porto de O Vicedo que substitúen as defensas de tipo denominado rosario debido ás numerosas avarías que ao longo do ano producen nos peiraos
Nota de Prensa
Esta actuación consistíu basicamente na retirada de todas as defensas no peirao comercial do porto
PORTOS DE GALICIA REMATARÁ NUN MES AS OBRAS DE MELLORA E COLOCACIÓN DE NOVAS DEFENSAS DOS PEIRAOS DO PORTO DE O VICEDO
* Esta obra conta cun presuposto duns 100.000 euros
* Esta actuación prodúcese debido ás numerosas avarías que ao longo do ano se producen nos peiraos coas defensas do tipo denominado rosario
Santiago, 25 de xaneiro de 2010.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, rematará no vindeiro mes de febreiro as obras de mellora e reposición das defensas dos peiraos de o porto de O Vicedo, na provincia de Lugo. Esta actuación conta cun presuposto duns 100.000 euros e mellorará a protección dos barcos atracados no porto.
Esta actuación prodúcese debido ás numerosas avarías que ao longo do ano se producen nos peiraos coas defensas de tipo denominado rosario, ao ter que recuperalas do fondo para a súa posterior reparación no caso que sexa posible e, no seu defecto, a fabricación doutra para a súa substitución. Outro dos causantes das devanditas avarías son producidos polos cadenotes de aceiro que ao longo do tempo se deterioran co oxido.
Esta actuación consistíu basicamente na retirada de todas as defensas no peirao comercial do porto de O Vicedo, para recolocalas posteriormente. Por outra banda, foi preciso realizar unha limpeza, reparación, tratamento e pintado do cantil do porto, así como a mellora e colocación de novas escaleiras verticais.