Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP as Capitanías Marítimas son unha “enorme carga burocrática”

NOTA DE PRENSA
O voceiro de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, nega que a Xunta estea a obstaculizar os trámites, senón que, ben ao contrario, negociou co Goberno central a prórroga do limitado prazo establecido pola lei estatal

O PP LÉMBRALLE AO PSOE QUE A ENORME CARGA BUROCRÁTICA DAS CAPITANÍAS MARÍTIMAS, DEPENDENTES DE FOMENTO, MANTÉN ATASCADOS GRAN PARTE DOS EXPEDIENTES DE REGULARIZACIÓN DAS EMBARCACIÓNS

· O Goberno galego logrou consensuar coas Capitanías marítmas que estas adoptasen criterios uniformes respecto dos requisitos que deben cumprir as embarcacións legalizadas.

* Malia o esforzado traballo dos funcionarios das Capitanías Marítimas, a finalización do proceso de legalización se está a dilatar no tempo.

· Os populares subliñan que incluso é o Goberno socialista de Zapatero o que dicta normas, como o Decreto estatal 1549/2009, sobre ordenación do sector pesqueiro, que impón novos obstáculos no xa de por si complicado proceso administrativo de regularización.

Santiago, 12 de xaneiro de 2010.- O voceiro de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol, lamenta que o PSdeG non teña máis argumentos para facer política que a manipulación da realidade, como demostra coas súas críticas ao respecto dunha hipotética responsabilidade da Xunta ante o atraso que está a producirse no proceso de regularización das embarcacións pesqueiras. Balseiro Orol lémbralle aos socialistas que esta situación é consecuencia da enorme carga burocrática que están a soportar as Capitanías Marítimas, organismos que dependen non da Xunta senón do Ministerio de Fomento. É polo tanto responsabilidade do Goberno socialista central acelerar todo este proceso para cumprir os prazos establecidos pola lei. O deputado nega que a Xunta estea a obstaculizar os trámites, senón que, ben ao contrario, negociou co Goberno central a prórroga do limitado prazo establecido pola lei estatal.

Balseiro lembra, así mesmo, que o Goberno galego logrou consensuar coas Capitanías marítmas que estas adoptasen criterios uniformes respecto dos requisitos que deben cumprir as embarcacións legalizadas. Sen embargo, explica que malia o esforzado traballo dos funcionarios das Capitanías Marítimas alí se atascan os expedientes e consecuencia disto se está a dilatar no tempo a súa finalización.

O voceiro de Mar do Grupo Popular salienta tamén que o Goberno socialista de Zapatero “non está a contribuír a solucionar esta problemática”, máis ao contrario, dicta normas como o Decreto estatal 1549/2009, sobre ordenación do sector pesqueiro, que impón novos obstáculos no xa de por si complicado proceso administrativo de legalización dos buques pesqueiros. A nova norma obriga a retrotraer os expedientes e a requirir novos informes aumentando o tempo de tramitación. Consecuencia disto, Balseiro Orol amosa a súa sorpresa polas críticas do PSOE e sobre todo cuestiona o repentino interese dos socialistas respecto deste asunto, tendo en conta que durante os dous últimos anos nos que o bipartito estivo na Xunta, “nin socialistas nin nacionalistas moveron un só dedo para axilizar esta tramitación, nin requirir ao Goberno central a corrección das deficiencias detectadas”.

MAR LIDERA A DEFENSA DOS INTERESES DE GALICIA

Balseiro Orol explica que foi precisamente a Consellería do Mar –do PP- a que consciente das problemáticas que estaban a xurdir no proceso de regularización das embarcacións, comprometeuse na defensa do sector pesqueiro galego e mantivo múltiples contacto co Goberno central co obxecto de buscar posibles solucións. Así, negociou diante da Administración central a prorroga ata abril do limitado prazo para realizar as inscricións das embarcacións nos rexistros, demandou tamén que non se apliquen baixas de oficio e consensuou negociando coas Capitanías Marítimas a aplicación de criterios uniformes á hora de aplicar a lei xa que, ata o momento, as Capitanías estaban a informar de xeito diferente e incluso contraditorio os distintos expedientes e legalización das embarcacións pesqueiras.

O PSOE DEBE MIRARSE A SI MESMO SE BUSCA UN RESPONSABLE

O voceiro do Mar empraza ao PSOE, polo tanto, a dirixir a mirada sobre si mesmo para atopar ao responsable do bloqueo na legalización de máis de 1.500 embarcacións galegas e emprázalle a achegar solucións. En todo caso, amosa a máxima disposición do Grupo Popular e con toda seguridade tamén da Consellería do Mar para colaborar na procura dunha fórmula que garanta a continuidade e total operatividade das embarcacións galegas que teñen pendente os trámites para a súa regularización. Eso si piden ao PSOE maior rigor e coherencia xa que mentres que agora demandan á Xunta que contrate unha asesoría externa para acelerar todos os trámites administrativos dos que é competente a administración autonómica, antes censuraron que a Consellería do Mar acudira a unha empresa de recoñecido prestixio neste ámbito (Bureau Veritas) para asistila nesta materia.

O PP lembra que a decisión definitiva sobre o proceso de legalización destas embarcacións e a súa correspondente inscrición nos rexistros públicos que permiten que o barco poida ser despachado para a súa actividade pesqueira dependerán da Administración central, malia algúns dos trámites previos se realicen ante a Xunta.

Exit mobile version