Nota de Prensa
NÚÑEZ FEIJÓO INTERESOUSE POLO DESENVOLVEMENTO DOS TRABALLOS QUE SE ESTÁN A REALIZAR EN CERVO PARA REPOÑER OS ESTRAGOS OCASIONADOS POLAS CHOIVAS
* O presidente da Xunta mantivo ao longo da mañá unha conversa telefónica con Alfonso Villares para reiterarlle o apoio da Xunta
Cervo, 26 de xaneiro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, afirmou hoxe que a Xunta de Galicia estáse involucrando “de xeito absoluto” co Concello de Cervo nos traballos de limpeza e de restablecemento dos danos ocasionados polas choivas torrenciais sufridas na pasada fin de semana en diversos puntos do termo municipal.
O rexedor dixo que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamouno esta mañá para interesarse polos danos ocasionados e para informarse dos traballos que se están a desenvolver para restituír a normalidade no municipio. ”Durante a conversa reiteroume novamente a axuda da Xunta en todo o que necesitemos, igual que fixera onte o conselleiro de Medio Ambiente” indicou Villares, quen aproveitou a charla co presidente para transmitirlle o agradecemento pola axuda en nome dos veciños do municipio.
“Creo que é de xustiza salientar a implicación que está a amosar a Xunta e así llo transmitín ao presidente Feijóo. Estou convencido de que cando dúas administracións afrontan da man os problemas non só se acometen de mellor agrado, se non que os traballos son máis efectivos e se fan con maior rapidez; sobre todo despois dun acontecemento coma o da fin de semana, cuxos danos son difíciles de restituír para un concello pequeno coma é o noso” asegurou o alcalde.
Villares -que durante a xornada de hoxe estivo a supervisar as tarefas de limpeza e desentullo- cualificou a axuda da Xunta coma “esencial” para restablecer a normalidade do municipio “nun tempo prudencial”, e contrastou a resposta dos actuais responsables do Goberno galego coa obtida hai agora un ano polo Goberno bipartito. “É necesario que a xente lembre que o 25 de xaneiro do ano pasado o daquela presidente Touriño viñera a Sargadelos para anunciar entre foto e foto que arranxaría os estragos do Klauss de inmediato, pero non foi así, e tivemos que esperar á chegada do actual goberno autonómico para que se materializara aquel anuncio do expresidente que acadou tódalas portadas dos xornais e dos noticiarios” recordou o rexedor.
O alcalde tamén confirmou que dende primeira hora da tarde de onte unha empresa contratada por Augas de Galicia esta colaborando coa brigada de Obras municipal nas tarefas de limpeza das canles dos ríos e na rehabilitación dos viais municipais, tal e coma o conselleiro de Medio Ambiente lle adiantara a primeira hora da mañá do luns.