FOZ .- O presidente de Cantabria acudiu a Foz á Festa do berberecho, tamén o presidente e a vicepresidenta segunda da deputación de Lugo, entre outras autoridades. A organización preparou berberechos en empanada, ao vapor, en salsa verde, provenzal e mariñeira, e en tortilla.
NOTA DE PRENSA
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participaron este sábado na sétima edición da festa do berberecho, que se desenvolve ata mañá domingo no Concello de Foz, e coa que colabora a institución provincial, a través do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES). Gómez Besteiro destacou que “a Deputación sempre colaborará con iniciativas coma esta. A potenciación de eventos como a festa do berberecho é a nosa obriga, xa que isto tamén é colaborar cos Concellos”.
Neste senso, indicou que “a riqueza da nosa costa fai que teñamos produtos de altísima calidade coma este. Non hai que esquecer que durante décadas esta ría foi a maior produtora deste bivalvo de España. Por este motivo, dende o INLUDES e a Deputación quixemos estar hoxe presentes. É necesario que entre todos promocionemos produtos como o berberecho que supoñen a base da economía da provincia”.
A cita gastronómica deu comezo ás 9 da mañá coa apertura do mercado. Ás 11:00 horas as autoridades, entre as que se atopaba o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, foron recibidas na Casa do Concello. Acto seguido, participaron na ofrenda floral ós náufragos no paseo do Laredo. Ás 12:30 horas tivo lugar un dos actos centrais do día, no que o rexedor cántabro procedeu á lectura do pregón, coa que se deu paso á degustación do produto mariño.
O ir e vir de xente foi unha constante durante toda a mañá. En total, a organización agarda que unhas 5.000 persoas visitarán a vila esta fin de semana e degustarán uns 7.000 quilos deste bivalvo mariño que é preparado pola empresa de catering Fabimar. As racións sériense en empanada, ó vapor, e nas salsas verde, provenzal e mariñeira. Durante o domingo, o berberecho poderá degustarse en tortilla nos distintos bares da localidade mariñana.
O organismo provincial promociona os produtos autóctonos da provincia, contribuíndo a manter moitos postos de traballo, ben a través das subvencións directas do INLUDES, ben a través das axudas ós autónomos que traballan na produción de produtos ou a través da campaña “Lugo Sabe,” que inclúe a distribución de 14.000 lotes de produtos autóctonos. O evento estivo amenizado por distintas agrupacións musicais.