Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP relaciona o distintivo de calidade de praias de A Mariña coa xestión do alcalde de Viveiro e coa Deputación

Nota de Prensa

Os populares lamentan que os socialistas empreguen a Deputación non para cooperar cos concellos e solucionar os problemas dos veciños senón como instrumento de enfrontamento entre distintas administracións

O PP DA MARIÑA CREE QUE OS SOCIALISTAS NA DEPUTACIÓN FOMENTAN O DISTINTIVO “Q” NAS PRAIAS DE LUGO PARA AGOCHAR A INCAPACIDADE DE XESTIÓN DO ALCALDE DE VIVEIRO

* A proposta da Deputación limitábase a financiar os custes inicias para acadar as certificacións pero non os custes das auditorias para renovar estas distinticións que superarían os 6.000 euros por concellos.

* As bandeiras azuis, distintivos que acreditan a calidade e garantías mediambientais dos areais, menos gravoso economicamente para os concellos e de mais prestixio, recoñecidos a nivel europeo.

A Mariña, 07 de xaneiro de 2010.- O Partido Popular da Mariña quere denunciar a actitude da vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, polas súas críticas vertidas contra os alcalde de Barreiros, Cervo e Xove ao non terse adherido ao plan provincial para solicitar o distintivo “Q” de Calidade nas praias da costa lucense.

Ao noso entender as criticas efectuadas adoecen de todo rigor, unha vez máis, e poñen de relevo unha perigosa estratexia de confrontación entre administracións para a cal o PSOE estaría a empregar a Deputación provincial en vez de cooperar cos concellos e solucionar os problemas dos veciños

Cómpre lembrarlle á representante socialista que a proposta feita polo Presidente da Deputación o pasado mes de outubro nunha visita á Mariña limitábase a financiar os custes iniciais para acadar estas certificacións de calidade, pero non asumía o financiamento das posteriores auditorías ás que se terán enfrontar anualmente os concellos se queren renovar estas distincións e que virían a supoñer un gasto superior aos 6.000 euros en cada un dos casos.

Lara Méndez debería saber que os equipos de Goberno municipais son os que mellor coñecen as particularidades dos concellos que gobernan. Por iso, son os que deben de tomar decisións que estimen máis oportunas e estamos seguros de que os alcaldes de Cervo, Barreiros e Xove así o fan tamén; entre outras cousas porque así o decidiron os seus veciños nas urnas.

AGOCHAR A INCAPACIDADE SOCIALISTA

Tamén habería que preguntarse a que ven este interese por parte da Deputación por acadar este tipo de distintivos esquecéndose doutros moito máis arraigados, con moito máis prestixio e non tan gravosos economicamente para os concellos como son as Bandeiras Azuis da UE. Pensamos que en todo isto se agocha a intención de querer contentar a un alcalde socialista mariñán e deputado provincial –en referencia ao alcalde de Viveiro-; o cal no tempo que leva ao fronte do seu concello ten amosado reiteradamente a súa incapacidade para solventar os problemas medioambientais que lle impiden acadar estas Bandeiras Azuis nos areais do seu territorio.

Por iso, dende o Partido Popular da Mariña pedímoslle á señora Méndez que non pretenda facer comulgar con rodas de muíño a concellos que non creen na rendibilidade destes distintivos que supoñen investimentos elevados en auditorías e que pola contra apostan por manter e mellorar os que teñen, entre outras cousas porque ao longo de todo este tempo teñen demostrado que funcionan e que son beneficiosos para o desenvolvemento turístico dos seus municipios.

Exit mobile version