Nota de Prensa
Veiga afirma que o PP quere convertir aos vellos en negocio
O BNG oponse a privatización da residencia de Viveiro porque reduce emprego e exclúe o acceso aos maiores máis necesitados.
O Bloque Nacionalista Galego observa con moitisima preocupación o ataque sen precedentes que a Xunta de Galiza está a levar adiante contra o conxunto dos servizos públicos, precisamente nun momento de crise económica, nos que o conxunto da sociedade máis precisan deles polo efecto igualador que xogan. Neste sentido Antonio Veiga quixo expresar “o desacordo da Executiva Comarcal do BNG co intento da Consellaría de Traballo de proceder a desfacerse da participación pública en SOGAERSO, co que significa de privatización da xestión da Residencia da Terceira Idade de Viveiro. Non é tolerábel que o Partido Popular converta nun negocio o que estaba chamado a ser un servizo para o conxunto dos veciños da Mariña. Só desde o prexuízo ideolóxico se pode explicar o intento de privatización da Residencia de Viveiro, pero tamén desde unha vontade de despilfarrar, posto que senón non se explica que no mesmo momento que vende a súa participación, procede a concertar prazas coas entidades que se quedan coa xestión”.
Veiga denunciou que a proposta de privatización da Residencia da Terceira Idade de Viveiro non só retrasa a apertura da mesma, non só precariza as condicións laborais das persoas que traballarían no centro, non só exclúe a maiores dese servizo por razóns de renda senón que mesmamente non garante o servizo nos trinta anos que o convenio asinado polo bipartito establecía como residencia da terceira idade. O Responsábel Comarcal do BNG recordou que “a construcción dunha residencia en Viveiro foi unha decisión da Vicepresidencia Xunta de Galiza no período do bipartito, rematada desde fai case un ano, e que o Goberno Feijoo se negou a dotar e abrir cando lle correspondía. A privatización da xestión só por cuestións de orde administrativa atrasaría en case seis meses a apertura do centro. Pero aínda hai máis privatiza-la significa reducir en case 34 persoas a plantilla de máis de 120 traballadores con que contaría o centro, deixar fora a moitos maiores por criterio de rendas e mesmamente non garantir o seu funcionamento no prazo fixado.” Veiga quixo recordar que a proposta de modificación do convenio que a Consellaría de Traballo lle formulou ao Concello de Viveiro engade unha cláusula a maiores que establece que o accionariado do SOGAERSO podería mudar o uso do edificio situado en area para outros fins que non fora a atención a maiores antes de que rematasen os trinta anos si así o consideraba conveniente.
Os nacionalistas consideran unha auténtica temeridade que nun panorama como a que se vive no sector financeiro na Galiza a Xunta renuncie a participación pública, posto que o total do accionariado ficaría en mans de Caixa Galicia e Caixa Nova. A maior abonamento Veiga afirmou que a este “goberno non lle importan as persoas, e con esta decisión exemplifica a súa sensibilidade social. Como é posíbel nun momento de crise económico como este no que a creación de emprego debe ser o obxectivo número un dos poderes públicos a Xunta renuncia a criar arredor de 34 empregos en Viveiro?. En que cabeza entra que un Goberno poda excluír por motivos de renda aos nosos maiores do acceso a determinados servizos públicos?. O Partido Popular só goberna para os poderosos e desatende as demandas de quen máis precisa de apoio, isto é dos que menos teñen.”
O Bloque Nacionalista Galego anunciou que vai combater a política do PP de desmantelamento dos servizos públicos e neste sentido expresou o seu compromiso a fin de garantir de que a residencia da terceira idade de Viveiro se abra coa máxima premura, se garanta o seu caracter público, se manteñan os postos de traballo previstos e se estableza o sistema de acceso ao mesmo atendendo a criterios de renda.