Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP “lamenta a actitude alarmista” de alcaldes e que “pretendan sementar incerteza” sobre o futuro dos Grumir

NOTA DE PRENSA

Balseiro Orol lamenta a  actitude alarmista dos alcaldes de Ribadeo, A Pontenova, Monterroso e Sarraia e censuran que pretendan sementar incerteza sobre a continuidade dun servizo esencial para a xestión das emerxencias  en gran parte dos concellos lucenses e de Galicia

UN ACORDO ACADADO A PETICIÓN DAS TRES FORZAS POLÍTICAS ENTRE A XUNTA E A FEGAMP GARANTE A CONTINUIDADE DOS GRUMIR

* O Goberno de Feijoo aposta polo mantemento destes grupos de xestión de emerxencias grazas a contratación dos seus traballadores con cargo as axudas de varias consellerías, o que dista da postura do anterior Executivo bipartito que pretendeu suprimilos e reducir o seu número de efectivos

* O director xeral  de Emerxencias e  Interior confirmou  a Balseiro Orol que os GRUMIR estarán operativos  a finais do mes de  marzo “en iguais condicións, nos  mesmos concellos e cos mesmos efectivos  que os habilitados polo bipartito durante o 2009”

Santiago, 12 de xaneiro de 2010.- As tres forzas políticas maioritarias –o Partido Popular, o PSOE e o BNG- promoveron no seo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) un acordo coa Xunta de Galicia polo que se garante a continuidade dos Grupos Municipais de Intervención Rápida -coñecidos como GRUMIR- e polo tanto a plena operatividade destes servizos ao longo do ano que comeza.

Así o explicou o deputado autonómico e secretario xeral dos populares  lucenses Jose Manuel Balseiro Orol tras  manter unha entrevista co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, quen tamén lle ratificou a plena  operatividade dos GRUMIR a finais do mes de marzo. “En iguais condicións, nos mesmos concellos e cos mesmos efectivos que os habilitados polo bipartito durante o 2009”

SEMENTAR INCERTEZA

Os populares lamentan, en consecuencia, a actitude alarmista dos alcaldes de Ribadeo A Pontenova, Monterroso e Sarria que  nos últimos días pretenderon sementar incerteza respecto da  continuidade dos GRUMIR nos seus respectivos concellos. O Goberno Feijoo aposta polo mantemento destes grupos de emerxencia e, tal e como se fixo ata o de agora, financiará a través de varias consellerías a contratación do persoal necesario para cubrir este servizo: tanto do denominado GRUMIR estable –capataces-  como do resto do persoal (cuadrillas)

O BIPARTITO PRETENDEU SUPRIMILOS

A postura do  novo Executivo galego contrasta coa mantida polo anterior Goberno bipartito que, como recordarán, pretendeu sen éxito suprimir este servizo e reducir o número de efectivos dispostos en moitos concellos da Mariña e do resto de Galicia. Por fortuna no seu día a acción política do Partido Popular -oposto á supresión deste servizo- e a constatación de que este persoal contratado estaba a desenvolver unha labor indispensable na xestión das emerxencias nos nosos concellos obrigou a rectificar ao Executivo de PSOE e BNG, que desbotou os seus plans iniciais.

CENSURA Á ACTITUDE DOS ALCALDES

En todo caso desde o Grupo Popular se preguntan cal pode ser a intención oculta dos rexedores de Ribadeo, A Pontenova, Monterroso e Sarria. Porque de descoñecer a existencia e contido deste acordo acadado no seo da FEGAMP polas tres forzas políticas están a evidenciar un grave descoñecemento e falta de dilixencia no exercicio do súa función pública, algo impropio dun alcalde. E se pola contra o coñecían e malia iso o ocultaron, e preferiron sementar alarma e incerteza entre o persoal que  pode participar nos procesos de selección do GRUMIR e entre os veciños, pois estarían a actuar irresponsablemente e con ánimo de enganar.

Os populares sospeitan que o que de verdade acontece é que tanto o alcalde de Ribadeo como o de A Pontenova, Monterroso e Sarria non consultaron cos seus representantes na FEGAMP como consecuencia das liortas internas que afectan ao BNG e ao PSOE en Galicia, e que leva a moitos dos seus responsables a non manter contacto cos seus compañeiros de partido. “Uns non se falan cos outros, e parece ser que estes dous alcaldes non se enteran da nada”

Finalmente Balseiro Orol subliña que a continuidade do GRUMIR aparece avalada non xa polo acordo da FEGAMP senón pola propia Dirección Xeral de Emerxencias e polos compromisos adquiridos para financiar a contratación do persoal polas Consellerías de Traballo, Presidencia e Medio Rural.

Exit mobile version