Nota de Prensa
O BNG DE FOZ AFIRMA QUE O GOBERNO MUNICIPAL NON FIXO NADA POR ABRIR A GALESCOLA
A Xunta afirma que as instalacións están aínda sen entregar
“Se a Galescola non se abre antes de abril será por culpa duns gobernantes incompetentes”
Na súa contestación, a Consellaría de Traballo achaca o retraso na apertura da escola infantil ao Concello de Foz dado que “na visita do mes de outubro, dende a Consellaría de Traballo e Benestar entregouse ao Concello un escrito no que se recollía a documentación por enviar ao Consorcio en relación coa obra”. Esto ven a confirmar o que o BNG xa lle botara en cara ao alcalde e que este negara, esto é, que non cumprira coas claúsulas do convenio no que se dicía claramente que a entrega do local con todos os servizos tiña que realizala o Concello nos dous meses seguintes á sinatura do Convenio, é dicir, antes de marzo do ano pasado.
Pero quizás o máis grave do asunto é que na mesma resposta a Consellaría de Traballo afirma que a documentación que en outubro se lle requiría ao Concello aínda non foi recibida a día de 15 de xaneiro de 2010, día en que está asinado o escrito. Esto quere dicir que o Grupo de Goberno Socialista non fixo o que tiña que facer neste tempo: dar de alta os servizos de telefonía, adsl, luz, auga, gas e calefacción así como poñer a disposición da Xunta as instalacións. Polo tanto, esto é unha mostra máis da despreocupación e da irresponsabilidade dun goberno diante dun servizo social e educativo tan necesario e urxente para Foz. O BNG reiteralle ao alcalde, á vista dos feitos, que deixe de enganar ao pobo de Foz e non se demore máis na entrega do local.
Desde o BNG facemos unha vez máis unha chamada á responsabilidade e á seriedade por parte do Goberno Municipal e da Xunta para que se poñan de acordo e cumpran cos seus compromisos. Así, queremos e esperamos ver aberta a galescola neste primeiro trimestre do ano como se ten afirmado. Se non fose así, o BNG estará disposto a denunciar firmemente o desagravio que se fai con Foz e afirma que se a escola infantil non se abre é por culpa exclusivamente duns gobernantes incompetentes e que non dan a talla.