Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo desenténdese das súas responsabilidades cos maiores, afirma o BNG

NOTA DE PRENSA
O GOBERNO LOCAL DE CERVO DESENTÉNDESE DAS SÚAS RESPONSABILIDADES COAS PERSOAS MAIORES CUNHA POLÍTICA MEDIOCRE E POUCO AMBICIOSA

O BNG responde a Pilar Armada a realización dalgunhas actividades anuais non e suficiente para atender as necesidades do 25% da poboación do municipio

Os nacionalistas non critican as actividades existentes, considéranas insuficientes e fan propostas para melloralas

Cervo, 25 de xaneiro de 2010. O BNG cervense saíu a defender a súa proposta para a utilización de parte dos fondos do FEESL para 2010 na posta en marcha dun programa estábel de actividades para as persoas maiores do municipio criticada pola Concelleira de Asuntos sociais, Pilar Armada. Os nacionalistas entenden que en ningún momento criticaron as actividades que se realizan en Cervo, simplemente cren que son insuficientes para un segmento da poboación que supón o 25% do censo e require moita maior atención da que lle presta o goberno local.

Estúa pídelle a Pilar Armada que se gane o salario que cobra e non descargue na sociedade asuntos que son da súa responsabilidade

O portavoz municipal nacionalista, pediulle a Pilar Armada que asuma as súas responsabilidades polas que recibe un salario mensual que para si quixeran moitos dos e das xubiladas do concello, “non se pode descargar a elaboración da política social sobre os seus beneficiarios, aínda que a súa opinión deba ser tida en conta”. O nacionalista reclamou maior compromiso da administración local cos seus maiores, “que non pode quedar reducida a un xantar anual e dúas excursións, senón que deben elaborarse programas específicos elaborados por profesionais especializados”. Estúa volveu demandar maior atención a un segmento da poboación que supón o 25% do censo do municipio, “a política social dirixida a mellorar as condicións de vida dos nosos maiores, redunda en beneficios para o conxunto da poboación”.

Os nacionalistas non renuncian a aproveitar unha parte dos fondos do FEESL en política social dirixida ás xubiladas e xubilados do concello.

O BNG non renuncia a presentar as súas propostas para dedicar unha parte dos fondos FEESL á elaboración dun programa estábel de actividades dirixidas á persoas maiores que ademais permitirá a dinamización dos centros sociais que o concello ten espallados polas parroquias e que hoxe non contan con actividade algunha, ao marxe de iniciativas puntuais xeralmente promovidas por asociacións veciñais. Estúa apuntou directamente ao goberno local ao acusalo de desentenderse da posta en marcha de actividades que enchan de contido os cinco locais sociais que o concello ten en San Román, Rúa, Castelo, Trasbar e A Venta, “non pode ser que a administración pública teña como único fin a súa rehabilitación, hai que aproveitar estas infraestruturas para que sirvan de punto de encontro e dinamicen as relacións e actividade no medio rural”. O nacionalista dixo que si por medio da utilización dos fondos FEESL, ademais de ofertar aos maiores actividades específicas que mellores a súa calidade de vida, conséguese dinamizar a actividade nestes centros, os beneficios serán dobres, isto e o que lle queremos facer entender ao goberno local.

Exit mobile version