Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela interesase por saber “qué está a facer a Xunta de Galicia do PP para paliar o ascenso do paro”

BURELA (FNC) .- O equipo de goberno tilda de caradura política as manifestacións do PP sobre os niveis de paro e as medidas necesarias a adoptar nos orzamentos municipais de 2010 para paliar eses efectos en Burela.

A tenente de alcalde, Neves Cando, sinala que “o PP ve a palla no ollo alleo e non a viga no seu propio, porque  a pregunta é qué está a facer a Xunta de Galicia do PP para paliar este ascenso do paro. O señor Núñez Feijoo presumiu de asinar un compromiso coa cidadanía durante a precampaña electoral no que dicía que ía combater o paro, ésta era a máxima prioridade do goberno así como recuperar a senda da creación de emprego. E ademáis falaba de medidas concretas para isto nos seus primeiros 45 días de mandato”.

A edil nacionalista engade que “os veciños e veciñas de Burela e todos os galegos e galegas  preguntámonos qué está a facer o goberno da Xunta para combater o paro e recuperar a senda da creación de emprego, pois nada de nada. E non é porque o digamos nós senón porque o di a súa propia xente, dicía estes días o grupo municipal do PP de Burela que o paro aumentou no noso pobo. Señores do PP póñanse a traballar porque ainda non o fixeron e xa levan un ano gobernando e cumpran o que prometeron, loitar contra a crise apostando polos sectores productivos, outro punto do famoso contrato do señor Feijoo coa cidadanía. Díganllelo vostedes ao sector leiteiro de Lugo, ao sector textil galego, etc, etc…”.

Cando suliña que “os señores do PP están máis preocupados por destruir o feito desde o anterior goberno da Xunta que por traballar, lembremos a gratuidade dos libros de texto, o decreto eólico que por certo segundo di a xustiza foi mal paralizado, o sistema de benestar galego, o decreto do galego no ensino, a privatización da sanidade pública, a pretensión de sacarlle 200 euros aos pensionistas galegos… están máis preocupados por destruir que por traballar e por acabar co paro. Agora están gobernando na Xunta e son vostedes responsables”.

A tenente de alcalde tamén alude á medida de axudas ás familias de Burela que propón o PP e di que “si esa é a única solución que se lles ocorre moi mal vamos. O PP criticou no seu momento ao goberno do estado pola axuda dos 400 euros aos desempregados calificándoa de limosna e pedindo traballo para esta xente e agora pretenden que nós no Concello fagamos o mesmo. A xente desempregada o quere é traballo señores do PP e a xente o que quere é que a Xunta, que ten responsabilidade nesto, o faga. E que segundo prometeu o señor Feijoo cumpra o que asinou nese compromiso coa cidadanía”.

Sobre os orzamentos do Concello de Burela “que estamos pechando os do ano pasado, xa falaremos tamén algún día para aclarar algunhas dúbidas e desmontar toda a palabrería barata do PP sobre este tema”.

Exit mobile version