Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno do Concello de Burela aprobará en pleno unha moción contra o decreto do galego

BURELA (FNC) .- O equipo de goberno do Concello de Burela levará e aprobará no pleno da vindeira semana unha moción contra o decreto do galego no ensino.

Na exposición de motivos aluden a un informe do Consello de Europa elaborado a finais do 2008 que “advertía de que no noso país non se estaban a dar garantías para o uso normal do galego en ámbitos tan importantes como a educación e que se incumprían os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Tamén nesta liña un informe da Real Academia Galega sinalaba que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en galego e o Consello Escolar de Galicia nun informe sobre o galego no ensino confirmaba unha clara desgaleguización do alumnado no seu tránsito da familia á escola como consecuencia da desvantaxe do galego fronte ao castelán no sistema educativo”, explica a tenente de alcalde. Neves Cando manifesta que “sen embargo a pesares desta situación crítica pola que atravesa a nosa lingua, e segundo figuraba xa no plan de normalización lingüística aprobado por unanimidade no parlamento galego no ano 2004 gobernando o PP, agora coa chegada do PP de novo ao goberno da Xunta non se fixo máis que agravar esta situación porque a súa galegofobia está a propiciar que, en contraposición coa extrema ineficacia e parálise no resto da acción de goberno, o goberno de Feijoo está a actuar con obsesiva celeridade en contra do galego e das medidas que en boa parte impulsou a anterior Xunta inspiradas no consenso que establece a lei e o devandito plan de normalización lingüística”.

A edil nacionalista asegura que “para o PP o elemento central desta política de persecución contra o galego é a substitución do actual decreto 124/2007 que foi consensuado polo anterior goberno da Xunta cun PP que días despois se volvía atrás. Substituir este decreto por un novo cuxas bases foron presentadas o pasado 30 de decembro, é un borrador que vai traer conflictos á sociedade e aos centros educativos onde antes había acordo e consenso. Neste borrador a Xunta fai deixación de funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudiantado e ás familias porque ademáis é unha proposta feita de costas á sociedade galega sen ningún consenso con estes colectivos e coa sociedade en xeral”.

Neves Cando di que “non hai máis que ver estes días o rexeitamento deste borrador por parte dos partidos políticos, dos sindicatos do ensino, a Real Academia Galega e incluso as escolas católicas. As bases para a elaboración deste novo decreto preséntanse baixo a suposta argumentación de que garante a liberdade de elección, pero non se pode falar disto cando existe desigualdade xurídica entre o galego e o castelán e o galego está situado nun nivel de inferioridade en todos os usos sociais, nin se pode falar de liberdade de elección cando se impide a adquisición de competencia en lingua galega”.

O bipartito de Burela solicita que “a Xunta de Galicia retire o borrador do novo decreto sobre o uso das linguas vehiculares no ensino presentado o pasado día 30 de decembro diante da opinión pública, que cumpra as obrigas estatutarias de normalización da lingua propia de Galicia en todos os planos da vida pública como recolle o artigo 5 do estatuto de autonomía e que retorne o consenso político e social que se establece no marco normativo da lei de normalización lingüística e nese decreto 124/2007 consecuencia do plan de normalización do 2004 que fora aprobado por unanimidade de todas as forzas parlamentarias galegas”.

Exit mobile version