RIBADEO (FNC) . -Os Servizos Sociais do Concello de Ribadeo, xunto co programa Preescolar na casa organizan para o vindeiro mércores día 27 de xaneiro unha charla-coloquio dirixida a pais e nais de alumnos participantes en dito programa, e tamén para todo aqueles pais-nais que o desexen. Falarase do papel da familia na prevención das drogodependencias. Será na biblioteca do CEIP Gregorio Sanz ás 11 da mañá e estará impartida pola responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias do Concello de Ribadeo, Mónica Fernández Lamparte.
Por outra banda, segundo Fernández Lamparte “xa se comezou dende o Programa de Prevención de Drogodependencias a realizar a segunda sesión dos talleres de drogodependencias co alumnado de 5º e 6º de EPO de todos os CEIPs e colexios de Ribadeo e de Barreiros, Reinante, Trabada e A Pontenova. Nesta segunda sesión o obradoiro preventivo trata o tema do alcohol (uso-abuso, traxecto do alcohol no corpo, graduación das bebidas…). Participan en total 119 alumnos de 6 centros”.
A responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias de Ribadeo engade que “nos IES séguense a realizar os obradoiros con 3º de ESO, coa proxección do corto Solarius 2055 na 1ª sesión e a charla coloquio sobre as drogas na segunda. En breve comezarán as actividades en 4º ESO. En total están a participar en ditos obradoiros 104 alumnos de catro centros”.