Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo dispuxo 2 toneladas de sal para facilitar a circulación polas parroquias

RIBADEO (FNC) .- O concello esparciu 2 toneladas de sal para facilitar a circulación polas parroquias de Ribadeo durante a pasada fin de semana, na que a neve cubriu moitas zonas do interior.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “é algo obvio que por estes lares non estamos afeitos a ver toda a neve que tivemos esta fin de semana e sobre todo nas parroquias do interior do noso concello. É algo sorprendente, pero o sábado tivemos que mandar a pala municipal para facilitar o acceso a barrios como Remourelle ou puntos de Arante ou de Vilela, dado que era difícil acceder con garantías. Tamén ese día tivemos que chamar á quitaneves da Xunta de Galicia para que fixera unha pasada pola estrada Reme-Vilamar, que tamén nos puntos altos do concello de Ribadeo ocasionaba moitas dificultades para circular con turismo e con camións”.

O rexedor explicou que “onte tivemos que coller 2 toneladas de sal e con membros do Grumir, os medios municipais e o camión do Concello, tivemos que estralo por varios núcleos como Covelas, Vilela, a subida a Santa Cruz ou mesmo en Piñeiro e Cedofeita, por onde tamén era complicada circular…houbo algún susto que non foi a máis de coches que se ían da carretera polo extremos nivel de conxelación que a neve provocou. Agora o peor pasou, pero vai ser algo habitual aquí en Ribadeo que pensemos en ter todos unhas cadeas nos nosos coches en vista de cómo está a cambiar o tempo”.

Exit mobile version