CERVO .- O Concello de Cervo non quere que ningún veciño perda a oportunidade de ver a televisión por non dispoñer do imprescindible sintonizador de Televisión Dixital Terrestre, agora que está próximo o “apagón analóxico”. Por iso o compromiso da administración local non se limita á tramitación, dun xeito totalmente gratuíto, das axudas que están previstas en apoio de determinados colectivos con especiais dificultades, senón que ademais operarios municipais irán a recoller o sintonizador TDT á Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións en Lugo e procederán a organizar a súa entrega, xa en Cervo, nas dependencias municipais, entre todos os beneficiarios das axudas.
Desde a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local informan que como requisitos para obter o sintonizador TDT de xeito gratuíto, se esixe a residencia no termo municipal cervense e, como mínimo unha destas tres características: Ou ter máis de 65 anos e unha dependencia recoñecida de grado II ou III, ou ter un grao de discapacidade auditiva ou visual igual ou superior ao 33% ou, finalmente ter máis de 80 anos e vivir solo ou en compañía doutra persoa tamén maior de 80 anos. No teléfono 982 55 77 77 ofrecen máis información ao respecto destas axudas así como da documentación acreditativa dos requisitos antes mencionados que habería que aportar coa solicitude de axuda.