Responsables municipais e hostaleiros centráronse no contido das actividades e accións complementarias que poidan ter cabida na edición deste ano. Neste senso, o delegado en materia de Turismo adiantou que nesta edición estase barallando a posibilidade de poñer en marcha unha degustación popular dende primeiras horas do mediodía, unha vez rematen as charlas técnicas que tradicionalmente se desenvolven no Museo do Mar.
“A idea é que a xente veña á vila xa pola mañá e non teña que esperar ata pola tarde para degustar ourizos. Para iso pensamos na posibilidade de aproveitar a carpa que se monta para a verbena na plazoleta e poder ofrecer alí ourizos cocidos a un prezo módico, pero ata agora é unha idea que temos que estudar ben” indicou Rubén Fernández.
Fernández salientou a boa disposición dos hostaleiros e comerciantes da vila a colaborar na festa. “Pretendemos que todos os sectores implicados nesta festa aporten o seu grao de area e contribúan a mellorar e potenciar este evento, o cal xa forma parte desde hai anos da nosa promoción tanto dentro da comarca, coma fora” indicou.
O concelleiro de Turismo cervense lembrou que esta festa comezou sendo unha degustación gastronómica promovida polos propios hostaleiros “e co paso do tempo ten gañando peso hasta o punto de converterse nun dos eventos que mais visitantes atrae a San Cibrao. Por iso penso que é de agradecer o seu labor, porque sen eles esta celebración non tería razón de ser”.
Ademais agradeceu que, ano tras ano, os bares e restaurantes da localidade se impliquen na organización “mediante un alarde de imaxinación culinaria e amosándonos do que son capaces cunha materia prima tan nosa coma é o ourizo” indicou.
Segunda rolda de reunións
Por último, Rubén Fernández anunciou que o próximo mércores, ás 19.30 horas, está programada unha nova reunión para continuar cos traballos preparatorios “e poder ir pechando cousas do programa”.