BURELA (FNC) .- O Concello de Burela organiza un concerto para recadar fondos e colaborar con Haití. O alcalde, Alfredo Llano, anuncia que “o concerto realízase en colaboración coas agrupacións musicais do noso Concello, que nos deleitarán con diversos estilos musicais o próximo sábado, día 29, a partires das oito e media da tarde no Auditorio da Casa da Cultura. As agrupacións participantes son: Coral Polifónica de Burela, Ledicia, Banda de Gaitas e Tambores Dambara, Batuko Tabanka, Burela Blues Banda e Banda de Música de Burela”.
O rexedor agradeceulle “a todas estas agrupacións a súa colaboración desinteresada, ao tempo que animamos a toda a poboación tanto de Burela como do resto da Mariña a colaborar tamén asistindo a este concerto. O prezo da entrada será de cinco euros. Os fondos recadados serán ingresados no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”.
Demanda de axuda á Xunta
Por outra banda, Alfredo Llano subliñou que o Concello ven de solicitar axuda económica á Xunta para afrontar os traballos de limpeza realizados tras o desbordamento do río dos Matos. O rexedor explicou que “subimos cos técnicos municipais ao Monte Castelo para facer unha valoración o máis aproximada posible dos danos causados polas chuvias da pasada fin de semana. Levamos unha sorpresa moi desagradable ao chegar á altura do miradoiro do Monte Castelo que está a uns 320 metros de altura, alí houbo un desprazamento de terras, pedra e arbolado que ocasionou unha desfeita moi grande case ao final do traxecto preto da gardería na rúa dos colexios”.
Llano engadiu que “non houbo que lamentar danos persoais nin estragos en edificios dado que é unha vertente que vai parar ao mar sen facer percorridos preto das vivendas. Tivo que ser espectacular a baixada de todo este material en caída libre, levounos moito tempo abrir e limpar o río, tivemos que sacar pedras moi grandes e moitos árbores e tivemos que recurrer a maquinaria especializada para facer estes traballos”. O alcalde de Burela dixo que “o río do Matos pasou de ter un canal moi pequeno e agora parece que ten unha canle enorme. Onte fixemos unha petición á Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente ou da de Medio Rural, para que se nos valoren estes danos e se nos conceda unha axuda económica. Tamén pedimos que despracen aquí con urxencia técnicos para que supervisen o curso do río e que vexan o desprendemento de terra que se produciu posiblemente debido a unha bolsa de auga. Queremos saber si isto é definitivo e pode quedar así asentado ou si se poden producir novos episodios similares, algo que sería moi perigoso. Agardamos que veñan o antes posible porque nos preocupa moito este tema”.