BURELA (FNC) . A Delegación de Emprego ven de editar dous folletos informativos nos que explica a usuarios e empresas o traballo que realiza este departamento e a bolsa de emprego “como servizo de intermediación laboral”, segundo explica a edil Sonia Fraga.
A concelleira de Emprego sinala que “fixemos dous tipos de folletos nos que aclaramos moitas dúbidas, explicamos que este é un servizo gratuíto do Concello de Burela que ten coma obxectivo facilitar a inserción laboral dos veciños da comarca e que está dirixido a persoas en situación de desemprego que queren incorporarse ao mercado laboral ou a persoas que tendo traballo queren mellorar. Dicímoslles que podemos axudalos mediante un programa de orientación para a procura de emprego, a través da inscrición na bolsa de emprego e facilitando información e recursos para a formación e a procura de emprego”.
Na bolsa de emprego do Concello de Burela hai unha base de datos de 500 usuarios/as e máis de 50 empresas colaboradoras de toda a comarca. Sonia Fraga manifesta que “as firmas que queiran colaborar só teñen que cumprimentar unha ficha e terán prioridade na tramitación das ofertas de emprego, esas empresas empezarán a contar cos currículos dos demandantes nun prazo máximo de 24 horas e contarán con información de cursos, xornadas, eventos… relacionados co mundo empresarial”.
Os folletos foron presentados no día de hoxe no Concello de Burela.