Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG teme que o incremento do gasto no orzamento do Concello de Barreriros non se corresponda coa mellora nos servizos

Nota de Prensa

O BNG TEME QUE, COMA SEMPRE, O INCREMENTO DO GASTO PREVISTO NOS ORZAMENTOS DE 2010 NON SE CORRESPONDA COA MELLORA NOS SERVIZOS DE BARREIROS. ANTONIO VEIGA ADVIRTE DUNHA IMPORTANTE SUBA NAS PARTIDAS DAS TAXAS E PREZOS PÚBLICOS E NOS IMPOSTOS DIRECTOS E AGARDA EXPLICACIÓNS NO PLENO DE MAÑÁ.

Barreiros, 28 de xaneiro de 2010. O BNG de Barreiros critica o incremento do gasto que reflicten os orzamentos de 2010 que mañá se someten a debate e a aprobación nun pleno extraordinario previsto para ás 19:30 horas. Os nacionalistas agardan explicacións polo muido sobre a suba nas partidas que recollen as taxas, prezos públicos e impostos directos, que prevé o documento elaborado polo equipo de goberno.

Os nacionalistas advirten que “hai un incremento de 500.000 euros a respecto dos orzamentos do ano pasado. A situación económica non é moi boa para Barreiros e vemos que hai un aumento dos gastos, non hai intención de reducir ningún tipo de gasto sobre todo nun capítulo como é o de persoal, onde a partida destinada a este fin xa pasa do 50%, véuse incrementando nos últimos anos non sabemos moi ben porqué e os servizos que se prestan non se corresponden coa inversión feita en todo ese persoal. O que di moita xente en Barreiros é que o Concello parece mais ben unha oficina de colocación”. Antonio Veiga aclara que “nós non estamos en contra de que se contrate xente, pero eses servizos sí que teñen que mellorar para prestalos con total eficiencia e beneficio para a poboación”.

Os presupostos de Barreiros para 2010 ascenden a 3,5 millóns de euros e desde o BNG pregúntanse cómo se aumenta ese medio millón de euros con respecto ao de 2009. Veiga Outeiro di que “a explicación é moi fácil índose ás páxinas dos impostos, senón hai outros recursos parece que o Concello bota man da suba de impostos porque a pretendida partida que ía aumentar do IBI ou se incrementa pola suba do propio IBI ou porque se dan de alta moitas vivendas. Tamén as partidas que recollen as taxas e os prezos públicos vemos que aumentan bastante así como a relativa aos impostos directos. Agardamos unha explicación polo muido no pleno de mañá”.

No Bloque Nacionalista Galego felicítanse de que os orzamentos se aproben a principios de ano porque “foi algo que viñemos demandando desde hai moitos anos, xa que se levaban a pleno a finais de decembro do ano en curso. De todas formas cremos que esto non serve de nada, porque o PP non está acostumbrado a facer previsións debido a que pasaron moitos anos facendo postsupostos en lugar de facer presupostos e as cousas non cadran”. O portavoz nacionalista en Barreiros explica que “a este pleno vai un recoñecemento extraxudicial de crédito de 589.000 euros, todo isto foi destinado a gastos en bens correntes. O propio informe da secretaria-interventora é clarificador, di que eses gastos se contraeron sen a fase previa de autorización e disposición de gasto, sen que existise crédito suficiente para facerlles fronte no exercizo de 2009. Esto xa ocurrira no ano anterior, voltará a ocurrir este ano e probablemente se prevea facelo para o ano que ven”.

Antonio Veiga considera que “esto non é planificar, esto é dispoñer ao seu libre albedrío por parte do alcalde e dos concelleiros do goberno de turno dos cartos que lles apetece e para o que lles apeteza sen ningún control. O único control é unha vez xa feito o gasto traelo á mesa do pleno para o seu  recoñecemento extraxudicial. Pensamos que ésta non é forma de organizar un Concello, esta forma de administrar os cartos ao seu libre albedrío en linguaxe claro chámaselle caciqueo, esto é o que fan o alcalde e os concelleiros do PP de Barreiros cos orzamentos, o que fixeron cos do 2008, cos do 2009 e o que pretrenden facer cos do 2010”.

Exit mobile version