Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma que os deputados do PP rinse de Xove

NOTA DE PRENSA:
Os deputados do PP rinse de Xove

O responsábel local do BNG de Xove, Marco López, manifestou no día de onte o seu “asombro e malestar” despois de que os deputados do PP, José Manuel Balseiro e Enma Álvarez Chao, en declaracións a El Progreso (30/12/2009) se interesaran polo presuposto dispoñible para levar a cabo o proxecto de construción de vivendas sociais en Trabada e tamén polo número de vivendas que se crearán nesta localidade.

Marco López expresou a súa indignación “na defensa dos intereses dos xovenses” despois de que o grupo parlamentar do PP rexeitara no Parlamento galego, o pasado día 16 de decembro, unha emenda moi semellante presentada polo BNG aos Presupostos Xerais para o vindeiro ano 2010 na que se propoñía, cun orzamento de 300.000 €, a construción de Vivendas de Protección Pública en Xove.

“Os votos destes dous deputados foron decisivos para que Xove se quede sen vivendas protexidas”, incidiu López. As críticas de “desinterese” pola posta a disposición de vivendas a prezos accesibles do anterior goberno do BNG na Xunta, manifestadas polos deputados mariñanos, denotan un claro “dobre discurso do PP” segundo Marco López, “porque en Xove cóntannos un conto e en Trabada outro máis bonito”.

O nacionalista pediulles “coherencia” nas súas declaracións aos políticos populares e, sobre todo, “respecto” para os veciños de Xove que teñen dificultades para acceder a un lugar digno onde vivir.

Exit mobile version