Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz oponse a que se privatice o servizo de axuda no fogar

NOTA DE PRENSA:
O BNG DE FOZ OPONSE A QUE SE PRIVATICE O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR COMO PRETENDE O GRUPO DE GOBERNO SOCIALISTA

Unha inspección da Xunta destapa que o Concello de Foz non cumpre coa legalidade na prestación deste servizo

Foz, 27 de Xaneiro de 2009.- O BNG de Foz manifesta a súa oposición ante a pretensión do Goberno Municipal Socialista de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar. Esta proposta lévaa a pleno o grupo socialista a raíz dunha inspección da Consellaría de Servizos Sociais da Xunta na que se constata que o Concello de Foz está a incumprir a lexislación vixente na prestación deste servizo e foi apoiada polo PP na Comisión Informativa.

Segundo manifesta o técnico de Servizos Sociais do Concello, da visita que realizou inspección, extraese que “o concello de Foz esta a prestar o Servizo de Axuda no Fogar de xeito irregular e con limitacións que prexudican ós/as beneficiarios/as e que suponen unha limitación dos dereitos que lles outorga a “Lei 39/2006, de 14 de diciembre, de Promoción de la Autonomia Personal y Atención a las personas en situación de dependencia”. Esto ven dado, entre outros, polas seguintes circunstancias:

1º.- “non se pode limitar o servizo ós/as usuarios/as dependentes (de luns a venres e ata as 5 da tarde) e que para estes casos, hai que ofrecer a posibilidade dun servizo de luns a domingo inclusive e en horarios de mañá, tarde e noite ….”

2º.- “non se pode prexudicar ó/a usuario/a do S.A.F. interrompéndolle o servizo por continxencias non imputables ó/a mesmo/a”, como poden ser por permisos ou vacacións das traballadoras.

3º.- “a inspección di que non hai continuidade na prestación do servizo e debe de haber tal continuidade unha vez que un usuario/a causa alta no S.A.F …” dado que se paraba de dar o servizo cando remataban os contratos das traballadoras.

4º.- non se pode reducir o tempo de atención domiciliaria por motivo do desprazamento das auxiliares domiciliarias pois, como di inspección “este procedemento é irregular pois o tempo que se inviste nos desprazamentos de domicilio a domicilio, mesmo se cambian de parroquia dunha hora para outra, é parte da xornada laboral das Auxiliares Domiciliarias e coma tal hai que contemplalo”.

Está claro, pois, que o Concello de Foz –como di o informe- non está a cumprir coa legalidade en canto a prestación dos servizos sociais e en concreto en materia de servizo de axuda no fogar a dependentes. Á vista destas circunstancias, o primeiro que quere manifestar o Grupo Municipal do BNG é a irresponsabilidade do actual goberno municipal que non fixo nada por resolver esta situación e estivo consentindo todo este tempo que se infrinxira a legalidade. Pero todas estas irregularidades manifestas –imputables ao propio grupo de goberno e particularmente á delegación de servizos sociais- non xustifica de ningunha maneira a privatización do servizo como pretende o grupo socialista. Privatizando o servizo o que se consigue é máis precariedade laboral para as traballadoras domiciliarias e un peor servizo, debido principalmente a que o que busca a empresa privada é rentabilizalo e obter o máximo beneficio, é dicir, facer negocio. Realmente, esta decisión de privatizar este servizo público pon de manifesto a incapacidade do actual grupo de goberno para xestionalo, buscando a saída máis fácil e evidenciando a súa falta de ideoloxía política e de principios de servizo ao pobo. Porque se os gobernantes dunha institución pública coma o Concello non son capaces de xestionar os servizos que son públicos entón deberían recapacitar e pensar en que ese non é o seu sitio. Neste sentido, a política que ven aplicando o alcalde en Foz é a mesmo que aplica o PP na Xunta ou nas comunidades que goberna, é dicir, deixar en mans privadas os servizos públicos.

Polo tanto, e en segundo lugar, o que cabe non é a privatización do servizo senón en subsanar ditas deficiencias e irregularidades para seguir prestando un servizo tan básico e necesario conforme ao que dictan as normas. Esto suporá efectivamente adicar máis recursos e máis persoal pero que ao final repercutira na calidade do servizo. ¿Ou é que a empresa privada non vai poñer os mesmos recursos e persoal para que sexa rentable? Así, o que está en xogo nesta decisión, segundo o BNG, son as prioridades que o Concello quere asumir no gasto público. Se queremos investir en servizos sociais debemos apostar por continuar coa xestión pública deste servizo adicando máis cartos para mellorala e cumprir coa lei. Se queremos en cambio non investir en servizos públicos nin mellorar a súa calidade abandonándoos á súa sorte entón privaticemos o servizo como pretenden e sigamos gastando –como fai o actual goberno- en “propaganda, festas e paparotas”.

Por todo o dito, o BNG non vai dar o seu voto para que –despois dunha mala e irregular xestión municipal da axuda no fogar- se queira agora privatizar o servizo como solución a unha política e unha xestión dos servizos sociais deficiente por parte do Concello. O BNG, como organización de esquerdas que é, seguirá defendendo a xestión pública dos servizos públicos por ser a única que garante unha maior calidade no servizo.

Exit mobile version