Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz insta ao goberno do Concello a amañar as pistas polideportivas das parroquias

Nota de Prensa

O BNG DE FOZ INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A AMAÑAR AS PISTAS POLIDEPORTIVAS DAS PARROQUIAS

Basanta acusa ao goberno municipal de “mentir para ocultar a súa falta de acción de goberno”

Foz, 15 de xaneiro de 2010.- O BNG de Foz quere manifestar publicamente o estado de abandono no que se atopan a maioría das pistas deportivas municipais situadas principalmente nas parroquias do Concello e instar ao Goberno Municipal a arranxar os múltiples desperfectos que existen e poñelas en condicións para practicar actividades deportivas. Esto transmitiuselle ao grupo de goberno a través dun rogo no último pleno e este negouno utilizando unha vez máis a mentira para xustificar a súa falta de acción política.

O BNG ven detectando durante hai tempo o mal estado no que se atopan a maioría das pistas polideportivas nas parroquias de Foz: peches totalmente caídos, asfaltados deteriorados e con gretas, mal pintadas ou sen pintar, canastras e porterías rotas, redes de tenis totalmente inservibles, etc. Esto sucede nas pistas de Fazouro, Nois, San Martiño, San Acisclo, Santa Cilla ou Cordido, é dicir, na práctica totalidade das parroquias de Foz. De aí que sexan numerosas as queixas de veciños por ter que contemplar como as pistas se van deteriorando pouco a pouco e están abandonadas, imposibilitando calquera práctica deportiva e sen que o goberno municipal faga nada para amañalas.

O acceso ao deporte é unha das prioridades dun goberno municipal porque o deporte é saúde pero para eso o Concello debe de ter en boas condicións as instalacións deportivas que son municipais. Realmente é penoso comprobar o lamentable estado destas instalacións debido á falta de interese por parte do goberno municipal e particularmente da delegación de deporte, dirixida por Rosa Alonso. O que resulta incomprensible, dado a necesidade de dotar e repoñer o material deportivo que existe nestas pistas (canastras, redes, porterías,…), é que o Concello non se acollera ás axudas que organismos públicos como a Deputación da todos os anos e que deixara de recibir uns cartos que poderían rondar os 6.000 euros para instalacións e equipamentos deportivos que suporía cubrir ditas deficiencias.

Para o BNG promover o deporte non pode ser só publicar folletos e intentar convencer á poboación de que practique deporte senón ter unha boa política deportiva, comezando, como dixemos, por ter unhas instalacións deportivas en condicións e accesibles a todo o mundo. De aí que esperamos que nestes primeiros días de ano o goberno municipal se poña mans á obra e vaia resolvendo todas estas carencias.

Exit mobile version