NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG SOLICITA QUE SE CONVOQUE A XUNTA DE VOCEIROS PARA QUE O ALCALDE EXPLIQUE AS CONDICIÓNS NAS QUE SE ASINARÁ O CONVENIO PARA DESBLOQUEAR O URBANISMO EN BARREIROS.
Barreiros, 13 de xaneiro de 2010. O BNG de Barreiros solicita que se convoque a xunta de voceiros para que o alcalde, Alfonso Fuente, explique as condicións nas que se asinará coa Xunta o convenio para desbloquear o urbanismo no concello.
O portavoz nacionalista, Antonio Veiga, cre que “os veciños de Barreiros están xa bastante cansos de tanto anuncio a respecto dese convenio urbanístico que ía ser inminente segundo dicía o PP na pasada campaña electoral. Hai que lembrar que nas pasadas autonómicas os populares andiveron a dicir por Barreiros que si eles gobernaban o problema ubanístico se solucionaría nun plis plas. Desde logo que había que ser bastante inxenuo para crer na falacia dos gobernos amigos do PP e agora Alfonso Fuente é esclavo das súas palabras”. Desde o grupo municipal do BNG consideran que “pode ser un problema puntual, un problema administrativo, pode ser un problema de axenda… a disculpa pode pintarse da cor que se queira, pero temos un exemplo moi claro que é o convenio da auga asinado en xuño de 2006 e ainda non se executou e estamos xa no 2010. Non hai que facerse moitas ilusións sobre todo tendo en conta a nula xestión que o PP está a facer en todo o concello e particularmente en materia de urbanismo en Barreiros”.
Aos nacionalistas estránalles que si se vai poñer data hoxe para asinar ese convenio “o alcalde non saiba nada do contido do mesmo. Esto xa é meterse nun laberinto e non saber por onde sair. Desde o BNG o que lle pedimos ao PP de Barreiros e ao alcalde é que o máis pronto posible reúna aos portavoces dos grupos políticos do Concello para dicirnos cara a cara realmente qué é o que está a pasar, qué aconteceu co convenio da auga, qué aconteceu co outro convenio asinado con promotoras para a venda de apartamentos que tampouco está a funcionar e que nos diga tamén as condicións nas que pretende asinar ese convenio para o desbloqueo urbanístico”.
Veiga Outeiro insiste en que “o PP e Alfonso Fuente son esclavos das súas propias palabras, moi poucas solucións nos poden aportar. Eu entendo a situación comprometida na que se atopa agora o alcalde e nese sentido si quere botar man dos outros grupos da Corporación pola nosa banda pode facelo, pero primeiro ten que poñernos enriba da mesa todo o que hai, dicirnos aos representantes dos veciños o que negociou ou o que pretende negociar para este concello”.
Orzamentos para 2010
No BNG lembran que “ainda están pendentes de elaborar os orzamentos de 2010 e queremos saber tamén qué posibilidades hai de ter unhas contas para poder cubrir todos os servizos de Barreiros. Hai que lembrar que Barreiros nos últimos anos ven arrastrando unhas diferencias contables tremendas dun ano para outro, hai un desfase dun millón de euros anuales en 2007, 2008 e 2009 entre o que se presupostaba e o que se executaba. O único que fai en Barreiros é contratar persoal, parece unha oficina de colocación, hai que lembrar que o Concello destina máis do 50% do seu orzamento a gastos de persoal, entendemos que é algo desmedido para un concello con pouco máis de 3.000 habitantes. O que se ve e se demostra é que aumenta o persoal, pero os servizos non se dan ou se dan en malas condicións”.
Antonio Veiga suliña que “si o señor Alfonso Fuente o considera oportuno estamos dispostos a asistir a esa xunta de voceiros, e unha vez que alí nos explique todo o que acontece con estes convenios, poder facer tamén as nosas propostas”.