Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde pide que o PP axilice coa Xunta asuntos importantes para Burela e rexeita criticas por despilfarro

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela rexeita as críticas de despilfarro verquidas nas últimas horas polo PP. Llano pídelles que axilicen coa Xunta asuntos importantes para Burela como o acceso ao porto ou o cambio das bombas da EDAR.

O rexedor amósase sorprendido “polas declaracións de Manuel Fernández insinuando que nós despilfarramos cos cartos que temos a responsabilidade de xestionar no Concello, cando a verdade é que é completamente ao revés. Nós dentro dos parámetros asinados no presuposto con responsabilidade trataremos de facer o máximo de cousas para os nosos veciños coa intención de que o noso pobo sexa un referente claro na Mariña e incluso en Galicia”.

Alfredo Llano manifestou que “o que estamos a facer é propoñer unha serie de actividades que son compartidas polos veciños tanto no ámbito social, no cultural e deportivo como no medio ambiental. O que tratamos é de axustarnos ao presupostado, que ao final estará perfectamente xustificado. O que non é de recibo é admitir estas críticas tratando de minar a xestión dun goberno municipal que está a traballar moi ben dentro das nosas posibilidades, e que traten de darlle pouco valor aos veciños de Burela aos que tratan de inxenuos cando din que a personalidade do pobo non se cambia por dúas farolas. Eu nunca dixen tal cousa, porque a personalidade dun pobo non cambia por cambiar dúas farolas, pero sí cambia cando se renovan as farolas de Ramón Farré, de Marqués de Sargadelos, de Celso Emilio Ferreiro, de Arcadio Pardiñas, nos Castros, en Vilar, no Cantiño, en Rosalía de Castro, en Pardo Bazán… non só se mudan as farolas, senón que ademáis se renova completamente o asfaltado, cando se fan os separativos de pluviais e residuais e cando se pon mobiliario urbán. Eso significa que nós sí que estamos a facer as cousas dándolle personalidade ao pobo gracias a estas actuacións. Son moitas as obras que se están a realizar en Burela, que verá renovada a súa imaxe, por eso non se poden permitir este tipo de críticas que só pretenden minar de forma infantil e pouco responsable a labor dun goberno”.

O alcalde de Burela dille ao PP que “do que se debe preocupar é de axilizar obras coma a do acceso ao porto, poderían poñerse a traballar e a informar á Xunta e coordinarse ao unísono para sacar adiante estas obras; tamén poden defender os intereses das empresas que agora o están a pasar mal en Burela e que lles busquen axudas a través do Igape, da Xunta… ou doutros organismos nos que eles poden manter agora contactos directos. Esas son as verdadeiras labores que deben facer para convencer ao pobo de Burela e non tirando destes mecanismos infantiles e absurdos”.

Alfredo Llano considera “un sinsentido que se lancen este tipo de críticas, cando poderían facer cousas verdadeiramente importantes. Agora mesmo teñen unha labor que facer na Xunta de Galicia, xa que nós tiñamos acordado coa Consellería de Medio Ambiente a renovación das bombas do pozo da EDAR de Burela, que é unha obra moi importante e que está valorada en 200.000 euros ou tamén o separativo de augas nas rúas principales da vila que estaba presupostado en 600.000 euros. Eles poderían axilizar todas estas cuestións que sí poderían entrar a valorar os veciños de Burela, o que non van valorar é estas tonterías de que despilfarramos cando eso non é certo, que se preocupen de ganar crédito, de ter capacidade e de convencer, porque así non vamos a ningún lado. É moi fácil que lles salga o tiro pola culata”.

Exit mobile version