CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o concelleiro de Turismo, Rubén Fernández, desprázanse a Madrid á Feira Internacional do Turismo para promocionar o concello.
Nota de Prensa
CERVO PARTICIPA EN FITUR PARA PROMOCIONAR O POTENCIAL TURÍSTICO DO CONCELLO
Cervo, 21 de xaneiro de 2009.- Unha representación do Concello de Cervo formada polo alcalde, Alfonso Villares e o concelleiro de Turismo, Rubén Fernández, desprázanse hoxe a Madrid á Feira Internacional do Turismo, a cal foi inaugurada onte polos Reyes de España.
Ao igual que boa parte dos concellos da comarca, Cervo está presente dentro do stand de Turgalicia (organismo dependente da Consellería de Industria e Turismo). Segundo indicou alcalde, Alfonso Villares, este tipo de feiras promocionais son a mellor vía para dar a coñecer “o moito que ten que amosar Cervo no eido turístico, tanto a turoperadores coma aos posibles visitantes interesados en achegarse ata o noso concello” salientou.
Villares lembrou que o ano pasado non acudira ningunha representación do Goberno municipal cervense a Fitur por mor dos estragos feitos polo ciclón Klaus no termo municipal. “Na pasada edición decidimos quedarnos no concello para intentar solventar a gran cantidade de problemas que ese temporal nos deixou, pero nesta edición imos acudir porque consideramos que é precisamente agora, en tempos de crise, o momento axeitado no que debemos incidir de xeito especial na promoción de tódolos nosos sectores produtivos co obxecto de dinamizar a nosa economía” indicou o rexedor.
O rexedor cervense sinalou que tanto el coma Rubén Fernández teñen previsto participar mañá venres en Fitur na presentación oficial da campaña promocional da nosa comunidade autónoma coordenada por Turgalicia e que será presentada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
Na súa estadía na feira, os responsables municipais cervenses teñen a intención de establecer contactos con turoperadores interesados en ofertar destinos turísticos coa natureza coma principal reclamo. “Dende o Concello de Cervo pensamos que é o momento de impulsar o noso municipio como foco turístico dentro da comarca. Cervo ten un especial potencial turístico e pode ofrecer aos visitantes un ampla oferta, a cal está perfectamente coordinada baixo o proxecto turístico-museístico ‘Terras de Azul Cobalto’, que engroba historia, natureza e ecoloxía coma principais reclamos para os nosos visitantes potenciais” lembrou Villares.