Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pide urxencia á Xunta na construción dun albergue de peregrinos para o Xacobeo

Albergue de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, úrxelle á Xunta que licite canto antes as obras de construcción dun albergue de peregrinos na rúa Trinidade, agora que estamos xa no Xacobeo 2010.

O rexedor sinalou que “nestes días de principio do ano 2010, nestes días que aínda estamos coas festas do nadal ás costas e nos que estamos a desexar que os nosos proxectos se cumpran, aquí en Ribadeo sendo como somos porta norte do Camiño de Santiago na entrada a Galicia e estando como estamos no ano santo xacobeo e tendo este albergue actual tan pequeniño cremos que chegou o momento de contar cun albergue en condicións”. Suárez Barcia lembrou que “temos xa un compromiso firme desde hai máis dun ano coa Xunta e o Bispado para a cesión dun edificio na rúa Trinidade e convertelo nun auténtico albergue de peregrinos. Faise necesario, agora máis que nunca, que a xente que está no goberno autonómico licite sen máis demora esta obra tan importante que, primeiramente, vai recuperar un edificio simbólico para o casco vello de Ribadeo, pero tamén lle vai dar unha utilidade importante segundo o convenio asinado no seu día entre a Consellería de Innovación e Industria e o Bispado de Mondoñedo-Ferrol”.

Fernando Suárez úrxelle á Xunta de Galicia, “aínda que non me cabe dúbida de que así o fará finalmente, que axilicen os trámites de adxudicación da obra porque tivemos desde as eleccións autonómicas un parón absoluto e faise necesario cando menos que a finais deste ano este albergue poida estar polo menos en funcionamento en parte. Esto tamén é extensivo a todas aquelas cuestións que están na lista de espera do que a Xunta ten que facer en función dos acordos adoptados no anterior goberno autonómico, como é o centro de día para enfermos de alzheimer na reitoral de Ove e a escola infantil nos terreos cedidos á Xunta para a súa construción nas antigas vivendas dos profesores”.

Exit mobile version