Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo ordena unha nova execución subsidiaria nun inmoble da rúa Villafranca del Bierzo

RIBADEO (FNC) . O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ordenou onte unha nova execución subsidiaria no casco vello por parte do Concello. Os operarios tiveron que actuar nun inmoble da rúa Villafranca del Bierzo, que conta cun establecemento hostaleiro na planta baixa. Os propietarios do edificio fixeron caso omiso aos requirimentos do Concello no senso de eliminar os perigos existentes na súa fachada e así evitar que caesen á vía pública.

Suárez Barcia explicou que “no día de onte nunha céntrica rúa de Ribadeo, cun establecemento hostaleiro no seu baixo, tiven que ordenar a execución subsidiaria dunha cousa menor. Despois de ser reiterado en dúas ocasións, a segunda delas cun prazo moi concreto de que tiña que adoptar medidas para eliminar unha especie de tinglado posto de xeito provisional, e despois de que a propiedade fraccionada fixera caso omiso o Concello tivo que facer esta execución subsidiaria da que posteriormente lle pasará os custes e as cargas que procedan a eses propietarios”.

O rexedor dixo hoxe que “queda moito por facer, pero nestes dous anos e medio fixemos cousas moi importantes, a algunha xente non lle gustan moito, pero outros aplauden o que estamos a realizar contra o abandono moitas veces manifesto, deixado e ás veces tamén malintencionado dalgúns propietarios de inmobles moi significativos no casco vello”.

Fernando Suárez considera que “as medidas estannos dando moito resultado e os dous esquemas de traballo que temos no casco vello tamén. Por un lado, man tendida, diálogo e colaboración con todos aqueles que queren rehabilitar os seus inmobles, a través da oficina do ARI cos convenios que temos asinados co ministerio e coa Xunta de Galicia coa colaboración dos técnicos do Concello; e por outro actuamos contra aqueles propietarios cos que non hai maneira de dialogar, non queren rehabilitar, non aceptan vender, non o queren ceder e que ademais son inmobles que supoñen perigo público”. O alcalde amósase “particularmente satisfeito, aínda que ás veces non me guste tomar estas medidas de aplicar estritamente o que marca a lei e as facultades que lle da ao alcalde para garantir a seguridade, salubridade e ornato”.

Exit mobile version