RIBADEO (FNC) .- O Concello acomete unha execución subsidiaria na fachada posterior da Torre dos Moreno para evitar o desprendemento de cascotes á rúa e os danos que poidan causar aos viandantes.
O alcalde explicou que “estamos a actuar atendendo a informes dos técnicos municipais do Concello que recomendan que temos que intervir sobre diversos elementos na fachada posterior da Torre dos Moreno que ameazan con caer directamente á vía pública, sobre todo de partes que o ferro foi escachando… por eso estamos a facer unha execución subsidiaria no día de hoxe con persoal municipal, co camión elevador e baixo a supervisión dos técnicos municipais para evitar que estes fragmentos nun momento de vento ou de tormenta poidan caer á vía pública e lastimar a algún viandante”.
Fernando Suárez sinalou que “onte mesmo fixemos unha nova cata nunha das zapatas posteriores da cimentación da Torre atendendo aos criterios marcados polo presidente de honra de Intemac, José Calavera. Él e o seu equipo están a traballar á hora de darnos unha solución de emerxencia desde o punto de vista técnico para acometer as obras imprescindibles para a consolidación estructural da Torre dos Moreno”.
O rexedor manifestou que “os propietarios, que son moitos e diversos, estánse enfrontando a unha enorme responsabilidade e o Concello na parte que lle toca, aproximadamente nun 20%, tamén. A parte da propiedade, sobre todo a que está na diáspora na Arxentina, da que non sabemos nada, á que lles mandamos comunicados e requerimentos, coa que tentamos contactar e ás veces escoitamos un sonoro silencio non é consciente da realidade material do edificio. O Concello está a traballar en estreita colaboración coa Xunta, a través do xefe territorial de Cultura, José Carlos Rodríguez Andina, para garantir a permanencia do inmoble, entendendo que si a Xunta quixese liderar esta actuación o Concello sen dúbida ningunha iría detrás dela en todo o que nos digan, pero si ten que ser o Concello o que lidere o que pido, e entendo que así será, é que a Xunta debe apoiar as iniciativas que fagamos de aquí en diante”.