RIBADEO (FNC) .- No pleno ordinario celebrado onte o alcalde de Ribadeo lembrou que a xestión do programa Xantar na casa é da Xunta e dubida que si os usuarios comesen mal o tivesen en funcionamento.
Fernando Suárez declarou que “outro aspecto que me causou sorpresa foi unha moción de urxencia presentada por UPRI relativa ao Xantar na casa que se lles da aos usuarios do piso tutelado, igual que se lles da a diferentes veciños nos seus domicilios en Ribadeo e ao igual que se lles da aos usuarios do centro de día. Argumenta o portavoz de UPRI, nestas maniobras habituais demagóxicas ás que nos ten afeitos, que esa xente non come ben, desde logo creo que para mostra un botón. Hai uns días que presentamos un estudo deste programa efectuado polo Colexio de Médicos de Lugo onde ponderaban de maneira moi positiva a alimentación e onde destacaban que a xente avaliada presentaba niveis máis saudables que outras persoas que non estaban neste programa, que igual tiñan exceso de grasas, de frituras…”.
O rexedor engadiu que “pensar que eso se pode facer como di UPRI me parece desafortunado dado que a xestión do servizo a leva a Xunta, me parece un despropósito, nós non quixemos entrar e finalmente aprobaron unha enmenda o resto dos grupos da Corporación para que se faga unha investigación para ver si o que comen está ben ou mal. En todo caso insisto, a xestión depende da Xunta e dubido moito que si comeran mal a Xunta tería este servizo en funcionamento”.
Hospital asilo
Suárez Barcia relatou que “houbo outra moción de urxencia presentada polo PP coa que estábamos de acordo no fondo, pero que na forma pode ser moi perigosa por como se pretende levar adiante. Ten que ver co réxime de aceptación de persoas que queiran ir pasar os seus últimos días de vida ao Hospital Asilo para darlles cabida a todos aqueles emigrantes de Ribadeo que un día marcharon e que agora quixeran voltar. Nós neso non temos ningún problema, pero pedíamoslle ao PP un diálogo, un consenso acerca de non crear situacións que puideran ser moi desapropiadas para os veciños de Ribadeo, dado que esta proposta, que eles xa recoñecían que non estaba ben, se podería mellorar, pero non quixeron aceptar os nosos criterios. Entendemos que dado que hai poucas prazas no Hospital Asilo e dado que hai sempre lista de espera non debe estar no mesmo plano de igualdade alguén que viva en Ribadeo ou alguén que por algún motivo se marchou e que agora estea nas mesmas condicións para entrar no Hospital Asilo”.
O alcalde pensa que “cando menos si veñen do extranxeiro deban traer a baixa consular ou que si veñen do extranxeiro ou de calquera outro punto do territorio estatal poidan acreditar unha cantidade mínima de anos de ter estado vivindo aquí. Eso non se contempla na proposta que inicialmente se aprobou, o noso grupo abstívose e presentaremos alegacións a este respecto porque cremos que se vulneran os dereitos dos que viven aquí, que son os que principalmente deben ter acceso aos servizos públicos de aquí porque tamén son os que pagan os impostos aquí lóxicamente”.