RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda unha resposta en breve de Fomento sobre a creación dun novo acceso a Ribadeo desde a A-8 en sentido Asturias. O rexedor mantivo esta mañá un encontro en Madrid con responsables do ministerio.
Suárez Barcia sinalou que “nesta xuntanza que acabo de manter con responsables do Ministerio de Fomento en Madrid falamos acerca do cumprimento desta proposición non de lei que presentou o BNG no congreso no mes de xuño pasado e que aínda non está executada, de aí que viñera interesarme por este acordo tan importante para Ribadeo ademais hai que lembrar que foi aprobado por unanimidade con algunha achega de PSOE e PP. En dita proposición reclámase a creación dun novo acceso a Ribadeo desde A-8 en sentido Asturias. Desde Asturias en sentido Galicia todos os vehículos poden entrar polas rotondas de Vilaselán ou de Piñeira, pero contrariamente desde Galicia en sentido Asturias os vehículos só poden acceder a Ribadeo desde a rotonda do polígono en Piñeira, polo tanto faise moi necesario ese acceso”.
O alcalde lembrou que “este debate xa se deu hai uns meses no Congreso dos Deputados, o goberno do Estado aprobou esa proposta do BNG e agora esperamos que, co novo ano e cos presupostos xerais aprobados, se pronuncien. Non temos porque dubidar e confiamos en que dentro de pouco tempo teñamos respostas positivas a este respecto. Niso quedaron en darnos contestación en breve e nesa confianza saímos de aquí do Ministerio de Fomento”.