CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o concelleiro de Turismo, Rubén Fernández, mantiveron no día de onte un encontro con Francisco Cal Pardo, presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) dentro do ámbito da Feira Internacional de Turismo que se está a celebrar en Madrid.
Segundo indicou o alcalde, a reunión serviu para dar a coñecer o potencial de Cervo en materia turística e empresarial ao responsable dos empresarios galegos en Madrid, “aínda que o señor Cal Pardo é bo coñecedor da zona por tratarse dun mariñao” lembrou Villares.
“O obxecto da xuntanza foi a de por as bases para provocar futuros encontros entre os empresarios galegos afincados en Madrid e os do noso termo municipal coa finalidade de crear unha auténtica vinculación entre eles e establecer intercambios comerciais que permitan impulsar a creación de empresas conxuntas ou mixtas e intercambiar información sobre mercados” indicou o alcalde. Neste senso lembrou que un dos obxectivos do Goberno Municipal é reactivar a economía do concello “e penso que este tipo de entrevistas son moi beneficiosas para artellar entre todos os sectores implicados unha estratexia conxunta que nos permita reactivar a parálise empresarial que están a padecer actualmente os concellos coma o de Cervo” asegurou.
Aegama ten na actualidade máis de 400 asociados, moitos deles vinculados ao sector da hostalería e restauración, sector esencial para o desenvolvemento turístico. Entre os seus fins atópase a promoción comercial e difusión dos produtos e servizos do empresariado galego; o fomento da solidariedade das empresas, empresarios e profesionais de Galicia; o intercambio de información entre os seus membros; a potenciación dos contactos empresariais e do perfeccionamento das técnicas de xestión empresarial entre os seus asociados; e coadxuvar ao desenvolvemento económico, cultural e científico de Galicia.