BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, visitou esta mañá no Hospital da Costa ao rapaz que foi vítima dunha agresión con arma branca a pasada fin de semana nunha discoteca da vila.
O rexedor dixo que “foi ex alumno noso do instituto Perdouro, tivo a mala sorte de que lle desen unha navallada a pasada fin de semana, está recuperando ben e é posible que mañá lle dean a alta, algo que celebramos todos”. Llano explica que “foi un suceso, polo que me contan, no que non houbo moita discusión, veu motivado por un tropezón e o que é preocupante é que alguén vaia divertirse cunha navalla no peto e sobre todo coa predisposición de utilizala desta maneira tan rápida e sen máis mediación que un simple empuxón”.
Alfredo Llano sinalou que “a miña intención é procurar que a xente se divirta de xeito responsable e san e loxicamente haberá que tomar as medidas necesarias para que esto non volva producirse. Hai que pensar que este é un problema de educación, de civismo, de convivencia, de saber responsabilizarse ante un e ante a vida e todo esto leva consigo a ver este asunto desde varias perspectivas. Non é só a presencia policial, que si é necesaria e así se vai enfocar, pero hai que ver todo esto de xeito global para evitar casos coma este. Hai que procurar que os rapaces salgan con seguridade, tranquilidade e responsabilidade e tamén os establecementos que deben contar con vixiantes nas portas, que saiban en todo momento como deben tratar ao persoal e deben tratar de non vincular o atractivo dun local polas ofertas alcohólicas que poidan facer. Non entendo que se beba excesivamente para divertirse”.
O alcalde agarda que “non existan máis problemas deste tipo, que os locais sexan atractivos, que haxa movimento económico, social e de ocio en todas as localidades e que todo o mundo poida participar da diversión dentro do respecto e do bo facer”.