BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela realizou unha valoración positiva da visita que esta mañá cursaron á vila o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, e o Subdelegado en Lugo, Xosé Vázquez Portomeñe.
Alfredo Llano sinalou que “o Delegado avanzou as obras que se están a acometer en Burela e no resto da comarca desde o goberno central. Estivemos analizando o paso por este municipio do corredor Barreiros-San Cibrao, lembrámoslle o noso compromiso nas alegacións e dixo que van procurar darlles resposta ao longo dos vindeiros meses, dirannos cómo quedan as nosas pretensións. É posible que teñamos en breve unha xuntanza con responsables de Fomento en Galicia, en concreto con Angel González del Río para ir vendo como van as cousas e para que vaian tendo en conta as alegacións presentadas”.
O rexedor engadiu que “falamos do plan E, de todo o traballo realizado durante o 2009, hai que lembrar que levamos adiante 15 proxectos que supuxeron un investimento de 1,6 millóns de euros e tamén do novo plan previsto para o 2010 que destina a Burela 1 millón de euros. E tamén estivemos falando da capitanía marítima e avanzóunos que en marzo se licitarán as obras e darán comenzo en setembro ou outubro deste ano. Terán un prazo de execución duns 8 a 12 meses, co que no 2011 ese proxecto será unha realidade”.
Louro, Vázquez Portomeñe e Llano analizaron as obras que o goberno está a realizar no litoral, na Marosa, en Ril, no Portelo e todas as inversión previstas para os vindeiros meses. O alcalde de Burela suliñou que “foi un encontro institucional moi positivo, é importante que se dea unha relación fluida entre a administración local e a administración estatal”.