BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros considera que non se deben producir máis demoras na firma do convenio que desbloqueará a situación do urbanismo no municipio. Agora todo está pendente da xuntanza que manterán o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras e o presidente da Deputación de Lugo aprazada para o venres.
Alfonso Fuente asegura que “a firma do convenio urbanístico está pendente dunha reunión entre o conselleiro Agustín Hernández e o presidente da Deputación. Unha xuntanza que estaba prevista por parte de José Ramón Gómez Besteiro para onte luns e que a retrasa ata o vindeiro venres. Esto está a producir continuos retrasos que eu creo que non teñen xustificación. Hai un sector que está moi afectado e que está a demandar unha solución, esa solución está enriba da mesa e as partes implicadas que teñen que firmar o normal é que falen entre elas… de feito o propio convenio xa se lle fixo chegar á Deputación Provincial para que o presidente o vise, pediu unhas correcións que xa se fixeron, e penso que non se debe demorar máis esta reunión co conselleiro para poñer data á firma do convenio”.
O rexedor advirte que “cada día que pasa a situación está peor, segue habendo desemprego, segue habendo preocupación nas empresas porque as entidades financieiras cada día os están a apretar máis e eso repercute entre todo o vecindario, incluso naquela xente que ten comprada unha vivenda e non sabe en qué situación vai quedar. Este convenio é o que solucionará moitos destes temas e é responsable non demóralo máis e darlle para adiante canto antes”.
Plan de Ordenación do Litoral
Fuente Parga considera que o Plan de Ordenación do Litoral da Xunta será moi positivo para Barreiros. O alcalde sinala que “agora mesmo o que se acaba de iniciar é o prazo de dous meses que se lles da aos Concellos para que poidan correxir aqueles erros ou aquelas cuestións que non son coherentes ou alegacións ou propostas que se queiran facer. Pasados estes dous meses será cando saia o documento definitivo a exposición pública. Será aí cando os veciños, durante outro prazo de dous meses, poderán facer todas as alegacións que consideren oportunas e ainda dentro dese período haberá prazo para que os Concellos presenten tamén novas alegacións”.
O alcalde barreirense suliña que “é un plan consensuado, que foi falado con todos os Concellos, un plan que en Barreiros ordenará e reorganizará o terreo e os usos que logo se teñan que definir no plan xeral. Eu creo que vai ser bó porque agora o que tiñamos era unha prohibición total e máis no noso concello porque a parte da lei de medidas urxentes da protección dos 500 metros hai que sumar tamén o decreto de suspensión establecido pola Xunta. O plan vai ser bó porque prohíbe onde ten que prohibir, ordena onde ten que ordenar e permite onde cre que se pode permitir, é dicir non frenando unha actividade nin un aproveitamento da costa como ten que ser.