Nota de Prensa
ARIAS DESTACA QUE O 40% DAS SOLICITUDES DE INFORMACIÓN SOBRE O PROGRAMA IMPULSA LUGO PROCEDEN DE CONCELLOS DA MARIÑA
* A delegada territorial, reunida cos alcaldes do occidente da comarca, amosou a súa satisfacción porque “unha área de recoñecido dinamismo económico aproveite esta oportunidade única”
* Os sectores da transformación de alimentos, siderometalurxia e auxiliares da construción e da madeira capitalizan as demandas procedentes da costa lucense
Lugo, 20 de xaneiro de 2010.- O 40% das solicitudes e demandas sobre o plan Impulsa Lugo que se reciben nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) proceden de concellos da Mariña. Así o expuxo hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, ante os alcaldes da Mariña occidental cos que se reuniu no concello de Xove.
Arias amosou a súa satisfacción polo dato, “que revela o interese que espertou o plan”, e felicitouse polo feito de que “unha área de recoñecido dinamismo económico esté dispotas a aproveitar esta oportunidade única”.
A delegada considera, ademais, que este dato avala a súa decisión de comezar a rolda de reunións divulgativas do plan Impulsa Lugo na Mariña, “sen dúbida unha zona de puxanza constante e con áreas que se atopan entre as de maior potencialidade da provincia”.
No encontro estiveron presentes os alcaldes de Xove, Viveiro, Burela, Cervo, O Valadouro, O Vicedo e Ourol, aos que a delegada pediu colaboración “xa que consideramos que a súa vinculación a este proxecto é imprescindible para garantir os obxectivos que se pretenden”.
A delegada sinalou que as subvencións do Igape e a creación de solo industrial son dous dos principais eixes que sustentan estes primeiros pasos do plan. Neste sentido, explicou que o organismo autonómico ten reservados 12,5 millóns de euros para as medidas transitorias postas en marcha, e que na Mariña occidental “dispoñemos na actualidade de preto de 700.000 metros cadrados de parque empresarial en Cervo e Xove”
Así mesmo, continuou, “están en execución as obras do parque de Landrove, en Viveiro, e Xestur traballa xa sobre o planeamento de solo industrial no Valadouro e Alfoz, coa intención de ter rematados ambos proxectos nos vindeiros meses”. Deste xeito, engadiu Arias, “a curto prazo poremos a disposición das empresas preto dun millón de metros cadrados nesta zona. Sen desbotar, incluso, a posibilidade de emprender novos proxectos se a demanda así o recomenda”.
O número de solicitudes de información procedentes da Mariña sobre o plan Impulsa Lugo crece progresivamente. Os sectores de actividade que polo de agora amosaron maior interese son os da industria de transformación de alimentos, a industria auxiliar da construción, siderometalurxia e auxiliares da madeira.