Site icon Crónica3.com A Mariña

Neves Cando lembra que o campo de herba artificial de A Marosa foi unha iniciativa do goberno de Burela do ano 2008

BURELA (FNC) .- A concelleira de Deportes amósase moi satisfeita porque o campo de herba artificial da Marosa será unha realidade en catro meses. Neves Cando lembrou que se trata dun proxecto de longo percorrido iniciado polo bipartito burelés en xaneiro de 2008.

A edil nacionalista sinalou que “onte por fin vimos dar xa os primeiros pasos do que será o futuro campo de herba artificial da Marosa, un proxecto de longo percorrido no tempo, pero que xa é unha realidade. E por moito que digan outros este proxecto, que xa é realidade, comenzou en xaneiro de 2008 ao pouco de nós entrar no goberno municipal de Burela, cando a daquela directora xeral para o Deporte se comprometeu firmemente co proxecto que lle presentamos para este campo de herba artificial. As conversas tamén foran coa Deputación, pero ao final a Dirección Xeral para o Deporte asumiu o compromiso a dúas bandas co Concello. A maquinaria administrativa púxose en marcha, en abril dese ano viñeron os técnicos da Xunta a Burela para redactar o proxecto, o proxecto fíxose e en outubro de 2008 asinamos o convenio coa Xunta para este investimento que supoñía que máis de 600.000 euros se ían destinar a esta obra dos cales o Concello de Burela aportaría 90.000”.

Neves Cando seguiu a relatar que “iniciamos a continuación os trámites para pedir as autorizacións a todas as administracións correspondentes, á Dirección Xeral de Costas, á Axencia da Legalidade Urbanística… e en abril de 2009 xa as tiñamos todas. A partires de aí en xuño estaba todo listo para que se licitase a obra e entón prodúcese a parálise da Xunta do PP, que ata novembro do pasado 2009 non deu todos os pasos necesarios para licitar a obra e agora, mal que lles pese a algúns, a obra vai comenzar e nós estamos moi satisfeitos de que este proxecto que arrincamos en 2008 xa sexa unha realidade para o fútbol de Burela e para eses máis de 100 nenos das escolas deportivas de fútbol que poderán disfrutar destas novas instalacións para o verán”.

A concelleira de Deportes engadiu que “hai outros que se adican a poñerse na foto e a apuntarse á visita oficial porque apuntarse agora os tantos é moi fácil, pero o PP de Burela neste asunto do campo e herba artificial non se matou moito a traballar, limitóuse a mandar un proxecto no ano 2007 á Xunta e aí quedou todo. Nin negociou, nin apareceu pola Xunta para buscar financiamento, nin promesas podía facer porque non lle interesaba moito o tema. Agora sí apúntanse ao carro porque non podía ser que a Xunta do PP paralizase esta obra que xa estaba comprometida e asinada. Nós nada máis chegar ao Concello xa conseguimos o acordo coa Xunta e o campo de herba artificial da Marosa será unha realidade para o fútbol de Burela dentro de catro meses”.

Exit mobile version