LUGO .- Un total de 31 asociacións de mulleres da provincia de Lugo recibiron no ano que ven de rematar 116.368 euros para realizar actividades.
Nota de Prensa
UNHA TRINTENA DE ASOCIACIÓNS DE MULLERES DE LUGO RECIBIRON SUBVENCIÓNS DA XUNTA PARA REALIZAR ACTIVIDADES DURANTE O 2009
* A contía das axudas distribuídas na provincia pola Secretaría Xeral de Igualdade para este fin ascendeu a 116.368 euros
Lugo, 7 de xaneiro de 2010.- Un total de 31 asociacións de mulleres da provincia de Lugo recibiron no ano que ven de rematar unha subvención da Xunta de Galicia para a realización de actividades formativas e para o fomento do asociacionismo.
A contía das axudas ascende a 116.368 euros, destinados na súa maioría á realización de cursos recollidos no catálogo de actividades formativas do Servizo Galego de Saúde. Así, un total de 84.270 euros sufragaron doce cursos, para outros tantos colectivos, nas especialidades de atención á infancia, informática, atención a persoas dependentes, creación e xestión de microempresas, e acompañante no apoio á mobilidade persoal.
As entidades promotoras dos cursos, de entre 100 e 300 horas de duración, foron a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, a Fundación do Secretariado Xitano de Galicia, UXT, a Asociación de Mulleres Autónomas Concepción Arenal, ou Fademur Galicia, ou Asfem Lugo, entre outras.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de quen depende na actualidade o Servizo Galego de Igualdade, está tramitando os pagos das subvencións, toda vez que os beneficiarios enviaron a documentación xustificativa dos gastos.
Por outra banda, 14 asociacións recibiron subvencións -por importe medio de 1.700 euros- para compensar os gastos correntes ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados á promoción e á formación de mulleres. Por último, a Xunta concedeu axudas a outras cinco asociacións para contribuír aos gastos de mantemento e funcionamento.
O obxectivo destes programas é promover a igualdade entre homes e mulleres, así como a participación destas en todos os eidos da vida política, económica, cultural e social. Deste xeito, subvenciónanse actividades de sensibilización en materia de prevención e tratamento da violencia de xénero, actuacións educativas, de carácter lúdico ou recreativo, deportivas, e tamén relacionadas coa saúde, as oportunidades no emprego ou os dereitos das mulleres.