Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural fomenta o sistemas de produción con razas autóctonas

LUGO .-  546 explotacións gandeiras da provincia de Lugo recibiron 710.000 euros de subvención da Consellería de Medio Rural para o fomento de sistemas de produción baseados en razas autóctonas.

Nota de Prensa

PRETO DE 550 EXPLOTACIÓNS LUCENSES RECIBEN SUBVENCIÓN DE MEDIO RURAL PARA FOMENTAR SISTEMAS DE PRODUCIÓN CON RAZAS AUTÓCTONAS

* As axudas, que suman un investimento de 710.000 euros, pretenden estender un modelo de xestión sostible, tendente á conservación e mellora do entorno natural

Lugo, 11 de xaneiro de 2010.- Un total de 546 explotacións gandeiras da provincia de Lugo recibiron subvención da Consellería de Medio Rural para o fomento de sistemas de produción baseados en razas autóctonas.

As axudas, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, suman un investimento de 710.000 euros, e teñen como obxectivo contribuír á implantación no campo galego dun modelo de xestión sostible, que teña en conta as funcións produtivas, ambientais e sociais da gandería e o benestar dos animais.

No 90,3% dos casos, as explotacións subvencionadas crían gando vacún da raza rubia galega, mentres que no outro 9,7% teñen cabida outras razas de vacún, como a caldelá, cachena, vianesa, limiá, frieiresa, e a coñecida como asturiana de los valles, e tamén explotacións de ovella galega e porco celta.

A Consellería de Medio Rural entende que as razas autóctonas aportan riqueza tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental, incrementando a calidade, competitividade e o valor engadido dos produtos galegos.

Para poder optar ás axudas, as explotacións subvencionadas presentaron un programa de xestión garantindo o cumprimento de determinados requisitos ambientais, así  como de alimentación, hixiene e benestar dos animais.

Así, deberán aplicar un programa hixiénico-sanitario supervisado polo veterinario responsable, contar un programa de alimentación baseado en recursos naturais, e tender á conservación do medio natural, con especial atención  á xestión de residuos e de subprodutos, ao consumo de auga e ao uso eficiente da enerxía.

Entre os criterios de adxudicación establecidos, a Consellería de Medio Rural outorgou especial relevancia a aspectos tales como o aproveitamento e roza de monte e pasteiros ou a incorporación de agricultores novos ao medio rural.

Exit mobile version