BURELA (FNC) .- A concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza, amósase moi satisfeita do éxito obtido na campaña para facilitar unha correcta separación dos residuos que se realizou durante o nadal nos supermercados de Burela. A campaña chegará agora aos CEIP Vista Alegre e Virxe do Carme.
Bouza sinalou que “consideramos que esta campaña foi exitosa porque conseguimos atender a unhas 600 persoas aproximadamente. A campaña vaise continuar agora nos dous CEIP de Burela (Vista Alegre e Virxe do Carme), aos que lles entregaremos un lote para separar os residuos para cada aula. Tratamos con esta medida de favorecer unha correcta xestión dos residuos xa dende a infancia, posto que desta maneira podemos crear hábitos que xa non se esquecen no resto da vida. E, por suposto, consideramos que un bo hábito que todos e todas podemos ter é o de reciclar correctamente o lixo que xeneramos”.
Propostas para mellorar o medio ambiente
Por outra banda a Delegación de Educación e Medio Ambiente amplía o prazo de presentación de traballos para o III Certame de Nadal Propostas para mellorar o medio ambiente. Será ata o 15 de febreiro. Lucía Bouza explicou que “esta decisión foi tomada tras escoitar e analizar varias solicitudes para ampliar o mencionado prazo”. A edil socialista lembrou que “o certame está dirixido aos alumnos e alumnas que cursen estudos de educación infantil e primaria no concello de Burela. Todos os participantes recibirán un lote de libros e participarán no sorteo dunha consola e os premios aos que optan son catro cámaras fotográficas. Aqueles que desexen obter máis información poden dirixirse á Biblioteca Pública”.