LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiron este martes no Pazo de San Marcos a un grupo da Asociación de Mulleres Rurais “As Espalladoras” de Cervo e a outro da Asociación de Veciños de Nete (Vilalba), dentro de Km0. En total 309 persoas participan esta semana nas seis rutas do programa medioambiental que promove o organismo provincial.
No primeiro caso, trátase dun grupo de 48 persoas que elexiron o Concello de Navia de Suarna, onde coñeceron a Torre de Altamira e a Ponte oxival. Tamén fixeron o paseo fluvial e visitaron a fábrica de embutidos da localidade. Dentro dos centros dependentes da Deputación, optaron polo Mazo de Santa Comba.
Os 55 membros da asociación vilalbesa desprazáronse ata o Concello de Portomarín. Neste municipio visitaron o conxunto histórico de San Xoán, a igrexa románica de San Pedro, a fábrica das tartas Ancano e o clube náutico. Previamente, coñeceron o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación.
55 integrantes da Asociación de Veciños de San Lourenzo (Monterroso) viaxarán á Mariña con Km0 o mércores. Concretamente, subirán ó monte de San Roque e visitarán o eucaliptal de Chavín e o mosteiro de Valdeflores. O itinerario tamén inclúe un percorrido polo CENTRAD. Ese mesmo día, outros 55 solicitantes individuais desprazaranse ata a Montaña. Farán un treito do Camiño Francés, visitarán o Museo Etnográfico do Cebreiro e a igrexa de Santa María A Real. Os participantes completarán a ruta cunha visita á Cruz e ó Centro de Interpretación do río Rato.
Polo que se refire ó xoves, 48 membros da Agrupación Micolóxica “Pingadouro” farán a ruta “Apeiro de Ferro”, que transcorre polo Concello da Pontenova. Previamente, vistarán o Centro de Interpretación do río Rato e logo coñecerán o Mazo de Ferreiravella, a Forxa Lourín e os fornos. Pola súa banda, 48 membros da Asociación de Veciños “A Zoqueira” de Vilalba desprazaranse ata a Ribeira Sacra. Visitarán o pobo e a presa de Belesar, farán unha ruta de sendeirismo ata a igrexa das Pesqueiras, e coñecerán a igrexa desta localidade. A ruta tamén inclúe unha degustación na adega Vía Romana e unha visita á Insua de Burneiro e á Fervenza.