Nota de Prensa
VILLARES NON QUIXO CHEGAR A CONSENSOS NAS PROPOSTAS DO FEESL 2010
Os nacionalistas lamentan que ao PP as propostas lle parezan interesantes mais non queira aproveitalas por vir da oposición
Estúa criticou a escasa dedicación que o goberno local lle da ás persoas maiores do municipio
O PP non quer oír falar de incrementar os servizos ás persoas maiores do concello
O BNG lamentou a escasa sensibilidade do Partido Popular na proposta nacionalista para incrementar os servizos prestados polo concello á persoas maiores poñendo en marcha un servizo profesionalizado e unha programación de actividades estábeis durante todo o ano con cargo aos fondo sociais do FEESL. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, demandou a posta en marcha deste servizo con cargo ao aforro de 100.000 euros que vai ter o concello ao cargar no FEESL os gastos municipais de educación. O nacionalista detectou incomprensión por parte do goberno local no que ten que ser a asistencia social ás persoas maiores, “a máxima do goberno parece ser non crear necesidades, para non ter demanda”, en referencia ao discurso da concelleira de Asuntos Sociais que “da por suficientes as partidas de tute e parchís ou o xantar anual do 1º de maio”. A maior afondamento Estúa denunciou que ao PP só lle importan os maiores como mercadoría electoral e para facer negocios, “en pouco tempo imos ver como se lles cita para a exposición da maqueta da Residencia e Centro de Día, sen explicarlles nin cando se vai facer, nin canto van ter que pagar en caixa cando pretendan acceder a este servizo”
Na Urbanización Río Covo o PP ten moitas contas pendentes
Na mesma liña, o portavoz nacionalista preguntouse cando pretende compensar o PP os engano masivo cos veciños e veciñas de Río Covo, “primeiro sacáronlles o clube deportivo con promesas de xestión, investimento e dinamización que nunca se cumpriron, despois puxéronlles farolas que non aluman e impiden o paso polas beirarúas, as fochancas non se amañan e a as zonas axardinadas son unha selva. O BNG relamará nos orzamentos de 2010 a asignación económica suficiente para executar un proxecto integral de eliminación de barreiras arquitectónicas en Río Covo, porque así o demandan os veciños, neste sentido fixo mención a que os nacionalistas dispoñen da sinatura de moitos veciños e veciñas da urbanización que reclaman ao goberno local esta actuación, para o conxunto da urbanización e non so en parte dela.