BURELA (FNC) . A concelleira do Mar en Burela, Remedios López entregará o próximo venres ás 18 horas no salón de plenos do Concello, os carnés de autorización federativa para o goberno de embarcacións de recreo ata 6 metros de eslora e 40 KW de potencia, o denominado titulín. O curso realizouse por segundo ano consecutivo en Semana Santa do 2009. A edil socialista sinala que “neste curso de grande aceptación na poboación os alumnos repasaron conceptos como as partes dun barco, sinalización, abordaxe, bengalas… todo elo nas aulas da fundación Expomar e tamén houbo unha clase práctica nunha embarcación que tivo lugar no porto de Burela”.
Remedios López convoca para o venres aos 24 alumnos que participaron no curso (catro alumnos mais das prazas ofertadas) e anuncia que xa está aberta a inscrición para o terceiro. A concelleira do Mar explica que “unha vez reunido un mínimo de 15 alumnos e un máximo de 20, poderase realizar o curso por orden preferente de inscrición. A data inicialmente prevista é a de Semana Santa deste 2010 e as condicións as mesmas que nos anos anteriores: poderán participar os maiores de 16 anos, o curso é gratuito para os empadroados en Burela e ten un custe de 200€ para o resto da poboación”.
A responsable da Concellaría do Mar engade que “tamén esta previsto para próximas datas un curso máis completo e específico sobre o PER, sempre e cando contemos con interesados en formarse; tamén quero recordar que se encontra aberta a inscrición para participar noutro curso de formación sobre socorrismo acuático que comezará a finais da primavera, una vez que se consiga cubrir cun mínimo de 15 alumnos. Para apuntarse a algún destes cursos deberán preguntar nas oficinas do Concello de Burela”.