Site icon Crónica3.com A Mariña

Economía e Industria subvencionou a 22 artesáns da provincia de Lugo

LUGO .- Un total de 22 artesáns da provincia de Lugo recibiron subvención da Consellería de Economía e Industria para a modernización dos obradoiros e o fomento da súa actividade.

Nota de Prensa

ECONOMÍA CONCEDE AXUDAS A 22 ARTESÁNS LUCENSES PARA A MODERNIZACIÓN DOS OBRADOIROS E O FOMENTO DA SÚA ACTIVIDADE

* O investimento total das subvencións ascende a 130.253 euros, dos que se benefician especialistas de 13 concellos da provincia

Lugo, 26 de xaneiro de 2010.- Un total de 22 artesáns da provincia de Lugo recibiron subvención da Consellería de Economía e Industria ao abeiro da liña aberta polo departamento para a realización de actividades de fomento e desenvolvemento deste sector. En total, as axudas foron distribuídas entre obradoiros de artesáns, tanto de persoas físicas como xurídicas, asentados en trece concellos da provincia.

As subvencións, que suman un investimento conxunto de 130.253 euros, foron destinadas especialmente “á adquisición, en réxime de propiedade, de equipos propios das características da actividade artesanal, tales como maquinaria, ferramentas ou equipos para procesos de informatización e instalación de deseño asistido por ordenador”, segundo expuxo a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.

En concreto, o 72% das axudas concedidas foron destinadas á compra deste tipo de material para avanzar na modernización do sistema produtivo artesanal. Igualmente, concedéronse subvencións para contribuír cos gastos derivados da participación como expositor, con caseta propia, en feiras de carácter profesional, para a realización de obras nos locais produtivos, para a asistencia a cursos de formación, e para actuacións de divulgación e promoción dos produtos artesanais.

Con carácter xeral, a porcentaxe máxima establecida para as axudas foi de ata o 60% do investimento subvencionable, aínda que a contía final dependeu non só do gasto final xustificado polo beneficiario, senón doutros criterios relacionados coa dimensión e a posible repercusión do proxecto presentado. Arias asegurou que “a actividade dos artesáns, pola incidencia tanto no eido creativo como no desenvolvemento económico de varias especialidades artísticas singulares, posúe unha relevancia á que se responde con axudas como as que se veñen de comunicar”.

Así, tivéronse en conta tamén criterios tales como a capacidade da proposta para xerar actividade económica na empresa, a creación de novas unidades produtivas ou de postos de traballo, ou a posibilidade de acceso a novos mercados.

Exit mobile version