Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura destina 30 mil euros á Casa de Administración e ao Museo Histórico de Sargadelos

SANTIAGO .- O conselleiro de Cultura Turismo, Roberto Varela e o representante da Secretaría do Real Patronato Sargadelos, Isaac Díaz Pardo asinaron un convenio de colaboración, nunha reunión na que estivo tamén presente o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López. A Consellería de Cultura e Turismo destinará 30.000 euros como contribución para o funcionamento e mantemento da Casa de Administración e para a realización do Proxecto expositivo permanente do Museo Histórico de Sargadelos en Cervo.

O Real Patronato Sargadelos vén desenvolvendo diversas actuacións de carácter sociocultural, en especial a través do fomento da cultura popular galega, e polo tanto a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, considera necesario realizar esta achega de 30.000 euros para garantir que esta empresa prosiga coa súa labor de promoción e difusión da cultura. Deste xeito, asegúrase a continuidade da realización de actividades de promoción, divulgación e proxección do patrimonio cultural galego a través de actuacións encamiñadas aos máis amplos sectores.

Pola calidade artística e material das súas pezas o Real Patronato Sargadelos aparece desde hai décadas como unha das entidades dedicadas á creación máis importantes de Galicia e constitúe unha das principais organizacións dedicada a promover as manifestacións da cultura tradicional galega.

Exit mobile version