Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e entidades deportivas de Burela asinaron acordos para desenvolver as Escolas Deportivas

Neves Cando con Marcelino Luna do CD Burela FS, Pedro Chao do Clube Baloncesto Burela e José García da SD Burela.

BURELA (FNC) .- A Delegación de Deportes asinou os convenios de colaboración cos clubes da nosa localidade para desenvolver a nova tempada das escolas deportivas municipais nas que están a participar 400 rapaces e rapazas. O Concello destina a este fin unha partida de 54.100 euros.

Segundo asegurou Neves Cando “hoxe asinamos no Concello de Burela os convenios de colaboración cos clubes da nosa localidade para desenvolver un ano máis a nova tempada das escolas deportivas municipais, que van permitir a casi 400 rapaces e rapazas participar en fútbol sala, fútbol e balocesto”.

A edil nacionalista explicou que “o fútbol sala de Burela a través do CD Burela FS vai recibir para esta tempada 2009/2010 un total de 22.200 euros. Nesta escola deportiva participan 185 nenos e nenas desde as categorías de prebenxamín ata xuvenil. O fútbol, a través da SD Burela, recibirá 19.000 euros para os 115 nenos de todas as categorías que acolle este ano. Sinalar como novidade que esta tempada haberá neste deporte un equipo de miniprebenxamíns, nenos de 4 a 6 anos que se inician desta maneira na práctica deportiva do fútbol. E polo que se refere ao baloncesto o Clube Baloncesto Burela recibirá 12.900 euros para esta tempada, unha cantidade sensiblemente inferior ao aumentar o número de rapaces e rapazas que este ano se apuntaron a esta escola. Serán un total de 80, dos que a maioría son mulleres pois é neste deporte onde máis se concentran as rapazas. En concreto haberá categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil enteiramente femininas e unha categoría benxamín mixta”.

A concelleira de Deportes sinalou que “en total o Concello de Burela aportará para estas escolas deportivas municipais un montante de 54.100 euros para esta tempada 2009/2010. Destacar, como o fixemos cando botamos a andar estas escolas hai dous anos, o grande labor que estes clubes fan polo deporte de base e polo tanto o Concello non podía menos que apoialos económicamente para desenvolver entre todos esta estreita colaboración clubes-Concello, que permitirá que casi 400 nenos e rapaces practiquen deporte no noso pobo. Sinalar unha vez máis o grande clima de colaboración que existe entre o Concello e os clubes que saben que contan e contarán sempre coa Delegación de Deportes para desenvolver o seu labor deportivo e terán sempre o noso apoio a nivel económico e de recursos humanos e materiais. Ésta é a filosofía que debe haber entre as dúas partes para potenciar o deporte de base que é o futuro do deporte en Burela”.

Exit mobile version