CERVO .- O Concello de Cervo gastará 50 mil euros na compra dunha estrutura metálica de 15 metros de longo, 10 de fondo e 6,5 de altura, elaborada en aluminio, con cargo a unha axuda da Consellería de Cultura
Nota de Prensa
CULTURA SUBVENCIONA A COMPRA DUNHA ESTRUTURA METÁLICA DESTINADA AO DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES CULTURAIS
* O custe deste novo material é de 50.000 euros e están financiados ao 100% pola consellería
Cervo, 30 de xaneiro de 2010.- A Consellería de Cultura ven de outorgar unha axuda de 50.000 euros ao Concello de Cervo mediante a formalización dun convenio entre ámbalas dúas administracións co obxecto de financiar a compra dunha estrutura metálica, a cal virá a complementar a infraestrutura municipal existente que posúe o Concello para a celebración de actos lúdicos e culturais que habitualmente se desenvolven ao longo do ano nos distintos núcleos de poboación do termo municipal.
Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, a adquisición deste novo material municipal veu motivada pola necesidade de poder dispor dunha estrutura que permitira protexer da choiva as distintas actividades que tanto o Concello coma as asociacións do termo municipal desenvolven regularmente.
“Vimos necesario este investimento despois de escoitar aos colectivos xuvenís e culturais do municipio que programan actuacións, concertos e obras de teatro ao aire libre no municipio. Por iso, eu mesmo me puxen en contacto coa Consellería de Cultura para materializar este convenio polo cal podemos agora dispoñer deste novo material. Deste xeito pretendemos contribuír a mellorar as condicións escénicas das súas actividades e tamén dos actos programadas polo Concello; así como de calquera outro colectivo que precise desta infraestrutura para desenvolver algunha actividade dentro do termo municipal” indicou.
A nova estrutura ten 15 metros de longo, 10 de fondo e 6,5 de altura. Está elaborada en aluminio e dispón dun sistema de elevación con torno manual mediante cable de aceiro.