Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo e o concello da comarca que mais emprego perdeu no último ano, asegura o BNG

Nota de Prensa

CERVO

O BNG PREGUNTA ONDE ESTÁ O PLAN DE CHOQUE CONTRA O DESEMPREGO COMPROMETIDO POLO PP

Os nacionalistas cervenses destacan que Cervo e o concello da comarca que mais emprego perdeu no último ano

Cervo, 12 de xaneiro de 2010. De acordo cos datos publicados polo observatorio do paro da comarca que mensualmente publica o Pacto Territorial polo Emprego da Mariña, Cervo e o concello incluído no territorio de estudo onde mai medrou o desemprego no último ano, incrementándose nun 31,72%, constatándose ademais que este medre corresponde tanto a mulleres como a homes, cun incremento moi abultado en homes(49,35%) e o 19.27% en mulleres en relación aos datos de decembro de 2008. O BNG cervense pregúntase que pasou co comprometido plan de choque contra o desemprego prometido polo PP en campaña electoral e onde está a variña máxica de Feijoo que prometera rematar coa crise en medio ano.

MENTRES O PARO MEDRA A POBOACIÓN CENSADA EN CERVO DIMINUE

O portavoz municipal do BNG, Xoán Antón Estúa, denunciou a parálise da administración pública galega que non adopta medidas para paliar as cifras de desemprego na comarca e nomeadamente no concello de Cervo. O portavoz nacionalista fixo mención aos datos de desemprego no concello cervense, os mais elevados da comarca en relación ao último ano,  cun incremento global do 31,72%, a pesar de ser o concello xunto con Xove, con maior asentamento industrial da comarca. Estúa advertiu que “en Cervo medra o desemprego en relación ao último mes na practica totalidade dos sectores, cun incremento do 49,35% en homes e o 19,29% nas mulleres”, e chamou a atención na “relación entre perda de emprego e a permanente baixada do censo de poboación do municipio dende fai anos, polo que augurou que de continuar a este ritmo, en Cervo non vai quedar non o apuntador”

O GOBERNO LOCAL ESTÁ  OBRIGADO A PRESENTAR INICIATIVAS PARA MINORAR OS EFECTOS DA CRISE

O BNG reclamou ao goberno local iniciativas de cara a minorar os efectos da crise e o desemprego, neste sentido “demandou progresividade nas taxas e impostos municipais para evitar a exclusión das persoas con menos recursos de determinados servizos municipais, ademais da posta en marcha de servizos que atendan as situacións de emerxencia”. O portavoz nacionalista lembroulle ao goberno municipal que e moi fácil atribuírse méritos cando os datos son bos, mais agora o que toca e traballar para contrarrestar os efectos da crise.

ONDE ESTÁN OS PLANOS DE EMPREGO E DE APOIO AO COMERCIO COMPROMETIDOS POLO PP EN CAMPAÑA ELECTORAL

O BNG preguntouse onde está o anunciado Plan de Emprego anunciado polo Partido Popular para a comarca da Mariña, ou o Plan de Choque a favor do pequeno comercio comprometido por Balseiro en campaña electoral. Estúa aproveitou para lembrarlle ao concelleiro e parlamentar popular os compromisos adquiridos con Cervo, entre os que destacou a creación de solo industrial no entorno de ALCOA ou os planos de emprego específicos anunciados a representantes sindicais de empresas auxiliares da multinacional. Hai que preguntarse que foi do “impulso reivindicativo do Sr. Balseiro”, que prometía rematar coa crise con planos de todo tipo dos que agora non di nada.

Exit mobile version