Nota de Prensa
Os concellos da Mariña recibirán este ano un 9,1 por cento menos de fondos do Estado con respecto ó 2009
* Os populares alertan de que esta merma de fondos procedentes das transferencias do Goberno central repercutirá negativamente nos veciños da comarca porque os concellos veranse obrigados a reducir os seus orzamentos
Foz, a 25 de xaneiro de 2010.- A comarca da Mariña no seu conxunto verá reducido este ano con respecto ó 2009 o importe das transferencias que reciben as administración locais do Goberno central. A media desta reducción sitúase no 9,1 por cento, aínda que nalgúns municipios a merma será moito máis notoria. Así, Trabada recibirá un 15, 68 menos; Abadín o 13,4, e Riotorto, Ourol ou Lourenzá por riba do 12 por cento. En calquera caso, todos, en maior ou menor medida e a excepción de Cervo, veranse perxudicados por esta situación.
Deputados autonómicos, provinciais, senadores e rexidores dos municipios afectados denunciaron hoxe en Foz esta merma nos ingresos que repercutirá, segundo indicaron, negativamente en todos os veciños porque a meirande parte dos concellos veranse obrigados tamén a reducir os seus orzamentos para o presente exercicio.
Os populares achacaron á torpeza do Goberno de Zapatero para atallar a crise económica existente e a súa incapacidade para practicar a austeridade, reducindo os gastos superfluos e concentrando os seus fondos en investimentos productivos, este novo revés para as economías locais, xa de por si con graves problemas de liquidez. Todos os municipios, en maior ou menor medida, segundo especificaron, veñen alertando nos últimos meses de que os ingresos directos que perciben vía impostos están menguando de xeito alarmante, fundamentalmente polo práctica paralización da actividade na construcción.
Os representantes populares consideran que a gran maioría dos concellos da Mariña terán dificultades para o mantemento ou ampliación dos servizos que veñen prestando porque cada vez dispoñen de menos cartos para facer fronte ós gatos, ó igual que a súa capacidade orzamentaria.
A Deputación provincial, segundo puntualizaron, tampouco será allea a esta rebaixa de fondos, xa que, en comparanza co 2009, recibirá un 9,5 por cento menos, o que equivale a dicir 6,5 millóns de euros.
Os populares destacaron que xa advertiron do forte impacto que a anunciada reducción das transferencias do Estado ía ter nas administracións locais. Así, segundo explicaron, presentaron na Deputación e en varios concellos da provincia unha moción para que se instara ó Goberno central a manter o volume das transferencias no mesmo nivel de 2009, debido precisamente á grave crise económica existente, pero os socialistas fixeron caso omiso a esa advertencia e agora principian a facerse patente as consecuencias.